Todo para a beleza

Todo para a beleza
14 de Febreiro, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

En Fene hai interese no coidado persoal e en manter un bo aspecto físico. É a apreciación de dúas profesionais do sector. Unha especializada en cortes de pelo e outra en temas de estética. Son Noemí Varela e Rosa Rodríguez que se aliaron para abrir a mediados do mes de novembro  unha nova perruquería. “La petit barber y Noe Stylist”, na Avenida Marqués de Figueroa, número 38. 

 

ESCOITA O PODCAST:



O nome foi motivo de debate e reflicte os negocios das dúas profesionais da estética que traballan xuntas pero non revoltas. O seu é un coworking. Dúas empresas que comparten espazo e gastos, pero non ingresos. Por iso, tendo as cousas claras, non ven problema ningún para levar o negocio a medias. As dúas emprendedoras están satisfeitas coa acollida e a resposta do público nestes primeiros meses. As dúas teñen ampla experiencia profesional. “As persoas en Perlío e Fene gustan de estar guapas ”, asegura Noemí. “Eu creo que a media de idade anda polos cincuenta anos, son as persoas que máis se arranxan e máis se preocupan”. Neste novo negocio ofrecen distintos servizos para o coidado persoal. Mesmo a eliminación de tatuaxes, “cada vez é máis frecuente a eliminación de tatuaxes, eu levo catro anos con iso”. Pode ser “porque o tatuador tivo un fallo ou porque xa non gusta”, explica “non é doado borralo, é un proceso lento porque o corpo ten que ir eliminando a tinta”. Tamén venden produtos para mantemento na casa. E adaptan o seu horario de traballo ás necesidades da clientela, porque son conscientes das dificultades laborais e de conciliación que teñen moitas persoas interesadas en manter un bo aspecto. 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora