Todo preparado en Burela para que comece a XVIII Copa de España de Fútbol Sala Feminino

Todo preparado en Burela para que comece a XVIII Copa de España de Fútbol Sala Feminino

01 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O salón de plenos do consistorio burelao acolleu a presentación da XVII Copa de España de Fútbol Sala Feminino Burela 2011, que reunirá na vila mariñá os oito mellores equipos da División de Honra entre o 3 e o 5 de xuño, baixo a organización da Real Federación Española de Fútbol, a Federación Galega de Fútbol, o CD Burela FS e o Concello de Burela.

José García Liñares, vicepresidente da Fed. Galega de Fútbol augurou un grande éxito para a cita de Burela 2011, na que “os equipos aínda teñen máis mérito se cabe que en edicións anteriores, posto que tiveron que traballar ao longo de toda a competición para a clasificación e non só na primeira volta”. O presidente da FGF tamén incidiu “no bo momento que está a atravesar o fútbol sala galego, ao ser o Burela FS o club organizador, tras celebrar o evento o Ponte Ourense o ano pasado”.
Dende o Concello, Alfredo Llano e Neves Cando manifestaron a honra que supón para Burela acoller a competición entre os mellores conxuntos de España. “A tradición do fútbol sala en Burela e a súa espectacular afección serán unha garantía para a afluencia de público, nunha fin de semana que tamén se suma o ambiente das festas patronais da vila” dixo o alcalde, que xunto á concelleira de Deportes, lle deu ánimos ao equipo laranxa e lle desexou sorte na loita polo título.
Pola súa banda, José Ramón González Casas, presidente do Burela FS transmitiu o orgullo de toda a familia laranxa por ser o anfitrión dunha cita de referencia nacional e quixo agradecer a colaboración de institucións e entidades. Así mesmo, José Luis Sáez adiantou o horario do conxunto laranxa, á espera do cadro final de enfrontamentos que realizará o Comité Nacional de Fútbol Sala da RFEF: “Como equipo anfitrión o Burela FS estrearase na Copa o venres, ás 21.00 horas, fronte ao Cajasur Córdoba”.
Tanto o presidente coma o director xeral da entidade laranxa animaron a afección para compartir co Burela FS Pescados Rubén “este inmellorable final de tempada polo que o cadro laranxa leva esforzándose moitos meses e ao que chega coa ilusión de estar arroupado pola súa vila e a calor de Vista Alegre”. E por certo, que tódolos siareiros que se acheguen ata o pavillón poderán admirar a Copa de Mundo conseguida en Sudáfrica pola Selección Española de Fútbol o pasado verán.

Deportes