Tomar a iniciativa

Tomar a iniciativa
15 de Maio, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A Asociación Veciñal de Limodre conta con 170 socios e case un século de historia. A súa presidenta, Ana Santiago, recalca o importante papel do movemento asociativo e amósase optimista de cara ao futuro destas entidades. “As Administracións soas non poden. Temos que tomar a iniciativa”. 

ESCOITA O PODCAST:

A pesares de non ser unha parroquia moi grande, Limodre conta cun amplo abano de actividades ao longo do ano. “A media de actividades é de dúas actividades mensuais para tódolos públicos. O que mellor resulta son as actividades para nenos. Tamén funcionan moi ben as festas gastronómicas. A festa da orella é a actividade central”, afirma Ana Santiago, coa que falamos na sede da Asociación Veciñal, situada na escola indiana de Limodre. Ademais, por segundo ano consecutivo, contarán cun orixinal evento en torno as Letras Galegas organizado xunto coa Agrupación Instructiva de Caamouco. Trátase dunha andaina teatralizada que terá lugar o domingo 21 de maio. “Redes ten un grupo de teatro que é a A Tenencia Teatro. As directivas empatamos moi ben. A idea foi deles e pareceunos xenial dende o primeiro momento e este ano vai volver a repetirse”. A presidenta da AVV de Limodre valora a implicación da xente á hora de dinamizar e dar vida ás parroquias. “Eu vexo o vaso medio cheo porque son moi positiva e porque penso que é moi necesario o movemento asociativo e que a xente se implique”.

Na imaxe, Ana Santiago, presidenta da Asociación Veciñal de Limodre.

Fotografía: Xarda.

Sociedade

Publica o teu comentario agora