Torta de Santiago

Torta de Santiago
16 de Abril, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Kukinhas chega a Santiago, conclúe a etapa 36 e non se lle ocorre mellor cousa que tomarse unha torta de Santiago, servida en cuncha de vieira.

Kukinhas chega a Santiago, conclúe a etapa 36 e non se lle ocorre mellor cousa que tomarse unha torta de Santiago, como sobremesa máis representativa da cidade do apostol. O curioso é que vaina servir en cunchas de vieira. Así que o primeiro que precisamos son 10 cunchas. Despois 250g de améndoa moída e o mesmo de azucre.Completamos con catro ovos, un pouquiño de canela en pó, unha culleriña de caña do Ulla e manteiga para untar o molde. A elaboración da torta de Santiago non ten complicación ningunha.

Prequentamos o forno a 180º e empezamos mesturando os ingredentes secos, a améndoa, o azucre e a canela. Engadimos despois os líquidos, a caña e os ovos, e batemos todo. Na bandexa do forno poñemos de fondo papel de aluminio para que as cunchas non se anden movendo. Pousámolas enriba engraxadas coa manteiga e botamos a masa dentro de cada unha. Collen unhas dúas culleradas de masa en cada unha. Metemos ao forno durante 20 minutos. Deixamos arrefriar e decoramos con azucre en pó, agás a cruz de Santiago. Servida en cunchas de vieira, a torta de Santiago luce espectacular e é unha maneira orixinal de degustala. O toque da augardente pon o punto a esta tradicional sobremesa.

Cultura

Publica o teu comentario agora