Tosar lanza Galaicus en Ourense

Tosar lanza Galaicus en Ourense

18 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Luís Tosar presentou este mediodia a superprodución "Galaicus" que se localizará en Lugo e Ourense coa colaboración das Deputacións provinciais. Tosar, coa sua produtora Zircozine, ainda debe completar o orzamento dunha película que se quere comezar a rodar en abril ou maio do 2012. O custe global alcanzará os 4 millóns de euros.

Tosar subliñou que "é unha idea bonita de traballar en algo que ten que ver con todos nós, que é o concepto de identidade de Galicia máis alá de ideoloxías,". Pola súa banda, o promotor do bosquexo inicial desta película, o realizador Ruben Riós, sinalou que "é un día moi especial". "Cando dei un pregón en Xinzo de Limia 2009 invitáronme a cear e entrei nun campamento base, que nunca vira; cheguei á casa e empecei a escribir esa pequena idea que ía ser a miña terceira curtametraxe", que a día de hoxe se converteu na semente do que será Galaicus", dixo.

Unha das ideas que estuda a produtora é a posibilidade de "reconstruír un castro" de pedra para a rodaxe, co obxectivo de que quede para a posterioridade como recordo da película", engadiu Castromán.

Galaicus é o título da película, que producirán Luis Tosar e Farruco Castromán. A acción desenvólvese no século II antes de Cristo e haberá batallas -por suposto-, pero tamén unha historia de amor entre un comandante romano e unha raíña celta, os habitantes que nese momento poboaban Gallaecia. O filme iníciase no ano 137 a. C., cando tras a morte de Viriato e a rendición dos pobos lusitanos chega o procónsul de Roma Décimo Xuño Bruto -que recibirá o sobrenome de Galaicus- cara aos territorios dos galaicos. Alí, o seu comandante Máximo, para salvarlle a vida, mata ao príncipe galaico Vetilo, e cando Ambala, a súa viúva, vai reclamar o corpo, saltará a faísca entre Ambala e Máximo... aínda que Décimo tamén caerá namorado. O trío viaxa a Roma, a render contas na capital do Imperio. A parella foxe, Máximo convértese no líder dos pobos galaicos, e Décimo volve a Gallaecia para a batalla final.

Cultura