Touriño promete un plan de axuda financeira para Pemes e autónomos

Touriño promete un plan de axuda financeira para Pemes e autónomos

17 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

“Orgullo de país”. O líder dos socialistas e candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, remarcou desde o comezo do seu acto electoral de Vilalba a necesidade de que esta idea calase no seu electorado. O argumento central sobre o que xirou a súa intervención foi a do bo facer do seu partido ao longo dos catro anos de lexislatura que, segundo Touriño, deixaron unha Galicia ben xestionada en puntos como a

O balance do presidente da Xunta comezou polo actual estado do Sergas, no que o goberno “investiu como nunca” e prometeu universalizar a saúde bucodental para todos os galegos de ata 18 anos, así como ofrecer próteses dentais para os maiores de 75. Touriño referiuse ao controvertido tema das listas de espera dos hospitais públicos de Galicia, que melloraron ata un máximo de 137 días de espera para as operacións e que, na próxima lexislatura, descenderán, por lei, segundo se desprendeu das súas verbas, ata os 50.

A xestión en educación foi outro dos puntos da intervención de onte no Hotel Villamartín. O aumento do 30% dos orzamentos en políticas educativas, os incrementos retributivos dos profesores, as 60.000 prazas de comedores, a aprendizaxe no uso do inglés, que será desde os tres anos e cunha asignatura neste idioma como mínimo na ESO, e a gratuidade dos libros de texto foron os elementos principais no discurso do candidato socialista nesta materia.

Pero o punto forte para a Terra Chá chegou ao falar das infraestruturas. A autovía Ferrol-Vilalba estará “en servizo no verán” e, para Touriño, “será unha vía imprescindible para garantir as comunicacións, a mobilidade, a economía e o emprego nesta terra”. Outros dos logros socialistas aos que fixo referencia foron a Autovía do Cantábrico “que conectará todo o Norte con Asturias, Cantabria, País Vasco e Francia”, ademais da vía de alta capacidade que chegará ata Foz e que “unirá o centro de Galicia e a costa da Mariña”. Touriño tampouco esqueceu o Ave e prometeu que estará operativo “no 2012”.

A seguinte parada do seu discurso foi a lei de dependencia. Para a súa aplicación “se crearán máis de 15.000 empregos”. En canto á política laboral, Emilio Pérez Touriño recordou os 83.000 postos de traballo femininos creados, que reduciron o paro nas mulleres do 19% de fai catro anos ata o 10% actual. Anunciou un continuísmo na política de discriminación positiva e a súa loita para que “homes e mulleres se equiparen en salarios”.

A crise económica foi outro dos capítulos importantes do seu mitin. O líder socialista acusou á “codicia do sistema neoliberal da dereita” da actual situación e, “a diferencia de Rajoy e Feijóo”, asegurou que ese “non será o camiño dos socialistas”, senón que a dirección que tomarán será “a defensa do emprego”, á que cualificou “como o punto principal da nova lexislatura”. Sobre as políticas laborais, Touriño defendeu a xestión de Ricardo Varela á fronte da Consellería de Traballo, xa que, “hoxe estamos 4 puntos por debaixo da cota do paro en España”, e puxo como exemplo para crear emprego o investimento en obra pública, no que investirán cerca de 2.000 millóns de euros “para vivendas, hospitais e infraestruturas”. Outro dos anuncios que fixo onte na capital chairega foi o da creación dun fondo de outros 2.000 millóns para axudas financeiras para Pemes e autónomos.

Por último, pediu o apoio de todas as forzas políticas para saír da crise económica, porque este non “é momento de reproches, senón de arrimar o ombro, como pasa en USA, Reino Unido ou Alemaña”. A situación do PP foi un dos seus puntos finais, cando o cualificou como “o partido dos líos” e dixo que as “eleccións de Galicia non lles van a resolver os seus problemas internos”.

Sociedade