Transformar a avenida Naturais de Fene nun bulevar

Transformar a avenida Naturais de Fene nun bulevar
25 de Outubro, 2022 - 01:02 h. | Publicada por Radio Fene

Transformar a avenida Naturais de Fene nun bulevar onde se poida pasear, colocar bancos para sentarse e construír unha contorna máis amable para os peóns. Esa foi unha das demandas que esta mañá lle trasladou o alcalde de Fene, Juventino Trigo, ao delegado do Goberno, José Miñones. O orzamento das beirarrúas desde a igrexa de Fene ata o cuartel da Garda Civil podería superar o millón de euros que tería que consignarse nos orzamentos xerais do estado. 

ESCOITA O PODCAST:

O alcalde de Fene Juventino Trigo fala das demandas presentadas diante do delegado do Goberno en Galicia José Miñones
http://173.255.131.18/audio/251022TRIGO.mp3

Trigo e Miñones na avenida Naturais de Fene

Fene presentou a proposta para reducir o consumo enerxético do pavillón polideportivo de San Valentín. A solicitude enmarcase no Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos. O custe total ascende a 1.600.000 euros, segundo explicou esta mañá en Fene o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. O delegado coñeceu en detalle o proxecto de reforma do pavillón “A Xunqueira”, que o Concello de Fene quere rehabilitar. A instalación inaugurouse en novembro de 1998, hai vintecatro anos. Fene solicitou deste programa preto de 1,4 millóns de euros do total de 1,6 millóns que estima de custe total. O obxecto da actuación é diminuír o consumo enerxético desta instalación en máis dun 30% coa colocación dunha envolvente térmica exterior ou a instalación de xeración eléctrica  fotovoltaica. O Goberno decidirá en breve se acepta esa proposta dentro das presentadas por diferentes municipios.

Bulevar de Fene 
O Concello tamén solicitou da administración central a transformación da Nacional 651 ao seu paso por Fene nun bulevar. Requiriría a construción de novas beirarrúas con máis amplitude para os peóns desde a igrexa de Fene ata o cuartel da Garda civil. Fene é un cruce de camiños e quere deixar de selo, segundo lembrou esta mañá o alcalde Juventino Trigo. 

Internet
Fene xa se vai beneficiar dos plans da administración central para ampliar a chegada da rede ultrarrápida. 1.300 familias da zona rural de Fene terán unha boa conexión a Internet,segundo o delegado do Goberno. No caso de Fene, o Programa UNICO posibilitará a conexión de alta velocidade de 121 puntos nos que se localizan 1.300 vivendas e empresas: “Estamos a falar de garantir a conectividade con máis de 300 megas á práctica totalidade do territorio deste municipio, en zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, esencial no momento actual”, subliñou Miñones. O Concello de Fene aproveitou a visita para insistirlle na necesidade de afrontar a construción do paso elevado sobre a vía do tren en Perlío. 
O alcalde reiterou a necesidade de construción da ronda oeste desde  Vilar do Colo ata Navantia. Juventino Trigo lembrou a débeda do SEPES co Concello de Fene pola venda de parcelas en Vilar do Colo e a demanda municipal de terras para o Centro de Saúde na avenida do Tarrío. José Miñones realizou esta mañá a visita oficial á Casa do Concello de Fene. Chegou ás 10,30 da mañá e mantivo unha reunión con representantes da Corporación local.
 

Institucional

Publica o teu comentario agora