Trece comparsas festexan o Entroido

Trece comparsas festexan o Entroido
10 de Febreiro, 2024 - 01:01 h. | Publicada por Radio Fene

Os Colludos, Os Argalleiros, As emocións dos nenos e nenas da ANPA Belén, As Xoaniñas de Chao, A Canteira do Puntal, Paso a Paso, Os Parrandolos, Os Scratchados, A Revolta de Trasancos, Os Eco-Heroes de Centieiras, Carnaval feneciano, Santa Compaña e OJE Ferrol. Son trece as comparsas inscritas para participar no desfile e posterior festival de comparsas de Fene, que terá lugar na tarde do 14 de febreiro, Mércores de Cinza e día grande do Entroido fenés. A orde do desfile das comparsa coñecerase o luns.

Todo disposto en Fene para a celebración do Entroido que concentra as principais actividades na praza do Alcalde Souto, a carón da Casa do Concello. O Martes de Entroido haberá festa infantil e verbena. Ás seis da tarde comezará a festa infantil a cargo de La Guagua e, coa colaboración da asociación O Tadetas, a tradicional merenda con reparto de lambetadas para todos os nenos e nenas que se acheguen disfrazados. A xornada rematará cunha verbena que dará comezo ás nove da noite na que actuarán o Grupo Origen e un Dj.O día grande, o Mércores de Cinza, comezarán as actividades coa concentración de comparsas ás cinco e media da tarde, na rúa San Salvador, na pista polideportiva do CCRD Perlío. Media hora despois farán o percorrido polas rúas San Salvador, Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais e Avda. do Concello. Ao chegar á praza do alcalde Souto, terá lugar a actuación das comparsas, entregarase un pequeno recoñecemento á “viúva do Entroido” (Toñín), a lectura do Testamento, a queima do Entroido e o espectáculo pirotécnico. No caso de chover, manteranse as actividades do martes baixo carpa. O mércores, se as condicións meteorolóxicas foran moi desfavorables, manteríase a actuación das comparsas e a Lectura do Testamento baixo a carpa e podería anularse o desfile de comparsas polas rúas, decisión que se anunciaría con tempo na páxina web e a través das redes sociais do Concello.

Desde a xefatura da Policía Local informan da prohibición de estacionar e circular na Avda do Concello desde as tres da tarde do martes 13 de febreiro até o remate das tarefas de limpeza o xoves 15. 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora