Trece comparsas no Entroido de Fene

Trece comparsas no Entroido de Fene
17 de Febreiro, 2023 - 10:51 h. | Publicada por Radio Fene

Paso a paso, Os Colludos, Os Argalleiros, As Xoaniñas de Chao, Os contos da Anpa Belén, Scratchados de Fene, A Canteira, Os Parrandolos, Os xogos de Centi, A Revolta de Trasancos, Os Fitipanthers, Santa Compaña e Oje Ferrol. Son as agrupacións que se inscribiron este ano para participar no desfile e posterior festival de comparsas que organiza a Concellería de Cultura para o mércores de cinza, día grande do Entroido fenés. Para facilitar a organización do pasarrúas e interromper o menos posible o tráfico, nesta ocasión as comparsas concentraranse na pista do CCRD de Perlío ás 17.30 para iniciar o desfile que concluirá na praza do alcalde Ramón Souto. Pero a xolda comezará en Fene xa o día anterior, o martes de Entroido, cunha festa infantil, reparto de lambetadas e verbena.

Gonzalo Martinez Bello e Fernando Sánchez

Conta atrás para o comezo do Entroido, unha das festas con máis tradición en Galicia que en Fene se concentran nas xornadas do martes de Entroido e mércores de Cinta, festivo local no concello. O programa de actividades comezará o martes 21, ás 18.00 horas cunha festa infantil a cargo de La Guagua e co tradicional reparto de lambetadas para todos os nenos e nenas participantes. Ao remate da festa infantil, ao redor das 21 horas, principiará a verbena coa Orquestra Panamá e cun Dj (que actuará durante o descanso) As actividades do Entroido en Fene continuarán o mércores 22 de febreiro. Haberá concentración de comparsas ás 17.30 horas en Perlío (Pista Polideportiva do CCRD de Perlío) para iniciar un percorrido pola Rúa San Salvador, Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avda. Naturais ata chegar á Avenida do Concello. Ao chegaren á praza do alcalde Ramón Souto, terá lugar a actuación das comparsas, a lectura do Testamento do Entroido, a queima do boneco e o espectáculo pirotécnico (dende o Parque Castelao). 
Restriccións de tráfico e aparcadoiro
Por mor da celebración das actividades do Entroido en Fene, dende Policía Local informan da prohibición de estacionar e circular na Avda do Concello desde as 15.00 horas do martes 21 de febreiro até o remate das tarefas de limpeza o xoves 23.

 

 

 

Na imaxe Fernando Sánchez e Gonzalo Martinez Bello "Chalo" (falecido o 12 de maio de 2020) participando no Entroido de 2012

Cultura

Publica o teu comentario agora