ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Tren, Pleno municipal, crise da vivenda e reclamacións á Xunta. Sobre estes asuntos pronunciouse o voceiro do BNG e primeiro tenente de alcaldesa de Fene, Manuel Polo, esta mañá no espazo As Foxas de Radio Fene.

“Fai trinta anos foi moi necesario, hoxe é imprescindible”. Reclama o primeiro tenente de alcaldesa de Fene e voceiro do BNG a modernización do transporte ferroviario na comarca. Lembra que “é un tema recorrente, que o BNG vén reclamando desde os anos 90, a electrificación, a dobre vía, máis frecuencias”. Melloras no transporte por ferrocarril máis necesarias, di, ante os problemas constantes no transporte público por estrada e coa carestía dos prezos do combustible. No Congreso aprobouse onte unha proposta sobre o tema e o Pleno do Concello de Fene tamén debaterá este xoves unha proposta do PSOE sobre o transporte ferroviario.
A Corporación municipal tratará ademais unha proposta para modificar o nome do proxecto co que optou a unha subvención de 150.000 euros da Deputación para acondicionamento nos novos locais municipais da zona da avenida Naturais, na rúa Tras do Cádavo, 11. O proxecto consistirá no cerramento exterior e o acondicionamento para a futura instalación dun ascensor.
Crise da vivenda
“A vivenda é necesaria, non pode ser obxecto de especulación”, defende Manuel Polo. Considera “normal a contestación social” e opina que o decreto do Goberno “é un parche que vén tapar algunhas cousas escandalosas, non é avanzado desde o punto de vista social”. Sobre a situación da vivenda en Fene sinala que “os alugueiros non son caros nin baratos, non os hai, nós imos poñer todas as medidas posibles, co PXOM agardamos favorecer a construción de vivenda para alugueiro e compra”.
Paseo de San Valentín
Denuncia Polo que a Xunta non asume a súa responsabilidade no arranxo do paseo de San Valentín. Lembra que o Concello ocúpase dos labores de mantemento, dentro dos que realizou recentemente a substitución de 500 táboas. “Somos conscientes de que iso non é suficiente”, por iso apela a que a Xunta, que ten a competencia en Costas, se faga cargo dos arranxos en piares e balaústres que precisa o paseo.
Publica o teu comentario agora