Tres motivos para visitar esta catedral

Tres motivos para visitar esta catedral
21 de Xullo, 2025 - 12:08 h. | Publicada por Radio Tui

A catedral de Tui comezou a construírse en 1120 e rematou a súa construción no 1180. Supón unha visita obrigada se pasas polo Baixo Miño. É unha das obras arquitectónicas máis importantes de Galicia.

En 1931, a catedral de Tui foi declarada Ben de Interese Cultural. Un recoñecemento máis que merecido para un edificio que, dende o século XII, é a icona da cidade. Trátase dunha edificación que combina arquitectura románica con arquitectura gótica. Atopamos unha fachada principal cunha ornamentación que representa feitos bíblicos, como o nacemento de Cristo ou a adoración aos Reis Magos. En contraposición a esta, atopamos a fachada norte, unha das máis claras expresións do románico, que lle outorga á catedral un carácter único, grazas a esta fachada sobria e case totalmente carente de adornos. No seu interior atopamos o claustro, que destaca tanto pola súa beleza como por ser o máis antigo da comunidade galega. Outra das súas peculiaridades é que, nun dos timoneles do claustro, atopamos un gravado dunha menorá (candelabro de sete brazos xudeu), unha mostra máis da presenza da cultura xudía en Tui.

 

Xa sexa dende a praza de San Fernando, dende o monte Aloia ou dende Valença, a cidade veciña, pódese apreciar a beleza da catedral, a xoia arquitectónica que coroa o corazón de Tui. As súas fachadas, o seu claustro e as súas xentes son 3 dos milleiros de motivos que hai para coñecer a cidade e a catedral de Tui.

Cultura

Publica o teu comentario agora