ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Rembrandt van Rijn, Peter Paul Rubens, Sir Anthony van Dyck e Brueghel o Vello son algúns dos nomes que forman parte da exposición "Trazos mestres: debuxos holandeses e flamencos do Vitoria and Albert Museum" e que a Fundación Barrié acolle na súa sede da Coruña a partir do 1 de marzo. A mostra, comisariada por Louise Cooling, anterior comisaria adxunta do V&A, está composta por 90 obras dos séculos XVI ao XIX pertencentes á colección de debuxos holandeses e flamencos da Idade de Ouro do Vitoria and Albert Museum, unha das máis destacadas e extensas de Gran Bretaña. Tras a súa presentación en Londres e o seu paso por Estados Unidos, a presentación na Fundación Barrié é a primeira en Europa, fóra do museo británico. Con esta exposición, que coincide coa conmemoración do 350 aniversario da morte de Rembrandt e do 450 aniversario da morte de Pieter Brueghel o Vello en 2019, a Fundación Barrié continúa achegando a Galicia obras de grandes mestres da arte nacional e internacional.Durante o transcurso da exposición, a Fundación Barrié organizará unha serie de actividades complementarias, entre elas talleres didácticos para centros de ensino, colectivos de diversidade funcional e familias.
A exposición divídese en 5 grandes apartados, ofrecendo así un percorrido por un período de extraordinaria prosperidade e produción artística: Pre-Idade de Ouro; Relixión e Mitoloxía; Persoas; Paisaxes e Pos-Idade de Ouro. Obras de referentes ineludibles na historia da arte estarán acompañadas de ricas coleccións doutros artistas de menor renome da Idade de Ouro, tales como Hans Bol e Jacob Jordaens, pero que demostran a diversidade e duradeira excelencia artística e técnica dos artistas holandeses do XVII.
A mostra inclúe retratos, estudos de figuras, escenas de xénero, paisaxes e estudos botánicos, ademais de deseños de vidreiras, tapices e gravados. Agruparanse os debuxos temática e cronoloxicamente para demostrar tanto os contrastes como as similitudes entre os estilos artísticos e as prácticas dos artistas que traballaban no norte e o sur dos Países Baixos no citado período.
A mostra comezará con debuxos holandeses do século XVI, demostrando o desenvolvemento de temas de paisaxe, xénero e relixiosos do século anterior á Idade de Ouro. Entre as obras destacadas están as primeiras paisaxes de Hans Bol e Matthijs Cock, ademais de obras relixiosas de Jan Swart van Groningen, Lambert Lombard e Pieter Coecke van Aelst.
Como parte dunha selección de debuxos do XVII, mostrarase unha importante colección de estudos de figuras formando parte central da composición. Tamén presentará estudos preparatorios do natural, debuxos de retratos e pezas de xénero, incluíndo un raro debuxo a acuarela de Jacob Savery. A mostra explora tamén como os artistas da Idade de Ouro do norte e o sur dos Países Baixos relacionábanse co mundo natural por medio de paisaxes, naturezas mortas e estudos de flores. Presentaranse paisaxes dos artistas flamencos Paul Bril e Jan Breughel o Vello, así como pioneiros da tradición paisaxística holandesa como Cornelis Vroom e Jan van Goyen, ademais dunha importante paisaxe tardía de Rembrandt.
Unha das seccións da exposición dedicarase a temas relixiosos, mitológicos e alegóricos, entre os que se inclúen debuxos de Rembrandt e Van Dyck, que representan os contrastes entre temas relixiosos da República Protestante dos Países Baixos e o sur dos mesmos, da Contra-Reforma católica, no século XVII. Entre as máis destacadas inclúese o primeiro debuxo preparatorio de Van Dyck para o perdida Cristo coroado de espiñas-anteriormente no Kaiser Friedrich Museum de Berlín-pero destruído na Segunda Guerra Mundial.
A exposición concluirá cunha selección de debuxos dos séculos XVIII e XIX, que demostran a influencia continua da arte da Idade de Ouro nos artistas activos nun período de cambio xeográfico e político no norte e o sur dos Países Baixos.
Trazos mestres: debuxos holandeses e flamencos segue un estudo de 10 anos realizado por Sir Christopher Wren, antigo director do Ashmoleum Museum de Oxford e Jane Shoaf Turner, xefa do Rijksprentenkabinet de Ámsterdam, co obxectivo de catalogar e debater cada unha das obras da extensa colección de aproximadamente 700 debuxos holandeses e flamencos que abarcan un período de máis de 400 anos, explorando descubrimentos recentes e re-atribucións.
Publica o teu comentario agora