ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Unha das novelas máis célebres de Agustín Fernández Paz acada a trintena. Cartas de inverno converteuse, dende o seu lanzamento en maio de 1995, na obra de ficción máis vendida de Edicións Xerais de Galicia, con 125.000 exemplares vendidos ata o de agora. A obra desenvolvese en Doroña en Vilarmaior porque o seu autor viviu en Pontedeume entre os anos 1993 e 1994. Agustín foi tamén colaborador de Radio Fene e director do colexio Unión Mugardesa. "Cartas de inverno" foi traducida ao catalán, éuscaro, castelán, bretón, portugués ou inglés, entre outras linguas. A obra, pensada para público xuvenil, foi un éxito dende o seu lanzamento, de modo que un ano despois de chegar ás librarías recibiu o Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil do ano. Xa no ano 2000, a revista CLIJ. Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil seleccionouna como un dos cen mellores libros publicados en España no século XX.

O argumento xira arredor dos acontecementos que teñen lugar nunha vella casa colonial. Despois dunha longa estadía no Quebec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na casa que acaba de comprar e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa, os dous amigos terán que
enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera sexamos quen de imaxinar.
A día de hoxe, Cartas de inverno suma xa 43 edicións , a última saíu do prelo en marzo deste mesmo ano. En 2016, con motivo dos 100.000 exemplares vendidos, renovouse o deseño do libro incluíndo ilustracións de Antonio Seijas, que
previamente publicara unha novela gráfica a partir da obra de Agustín Fernández Paz.
Se Cartas de inverno permanece no tempo como un dos libros máis vendidos cada ano é polo carácter atemporal do seu argumento. Trátase dun xogo co lector que apela aos medos máis persoais e irracionais. Deste xeito, o autor manexa a
tensión narrativa para enganchar o lectorado dende as primeiras páxinas empregando o que el mesmo denomina como un xogo de matrioscas. “Estas bonecas poden explicar moi ben o procedemento que utilicei, como xa fixeron
anteriormente outros autores”, explicaba o escritor en 2007. “Tamén as voces se van abrindo como bonecas, de xeito que cada unha sae de dentro da anterior; e logo vanse pechando dun xeito graduado e simétrico, nunha estrutura que está moi
meditada”, explica. Este esqueleto, xunto coas misivas que compoñen a maior parte da novela, “serviume para crear unha eficaz espiral de tensión básica no desenvolvemento da historia”. Ademais, os elementos que deixa abertos a novela
provocan que o lectorado proxecte nela os seus medos a través da súa propia interpretación.
A orixe de Cartas de inverno prodúcese coa descuberta dun anuncio sorprendente en Faro de Vigo que aparece reflectido na obra. No mesmo, un particular buscaba comprador para unha casa embruxada. O anuncio reprodúcese na obra, mais o autor contaba en 2007 que, de común acordo coa editorial, cambiaran o número de teléfono do anuncio para evitar posibles chamadas. Non era a primeira vez que o autor recorría a anuncios por palabras como punto de partida dunha historia.
De feito, Contos por palabras e Amor dos quince anos, Marilyn, están formados por relatos que xurdiron de recortes de anuncios dos periódicos. Do mesmo xeito, o autor sempre deixou clara a influencia dos relatos de terror de
Lovecraft na súa obra. “Tiña ganas de facer unha historia ambientada en Galicia que recollese o ambiente obsesivo deses contos”, explicaba Fernández Paz. Outro elemento recorrente na obra do autor de Vilalba e que aparece tamén nesta novela
son os petróglifos, figuras polas que sentía fascinación.
Agustín Fernández Paz
Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947 - Vigo, 2016) é unha das figuras máis
destacadas da literatura galega contemporánea. Profesor e escritor,
desenvolveu unha ampla obra narrativa, na súa maior parte publicada por
Edicións Xerais de Galicia, traducida e recoñecida cos máis importantes premios.
Deuse a coñecer en 1989 co libro de contos A cidade dos desexos (última edición de
2023), o primeiro na colección Merlín de literatura infantil, da que foi
fundador e codirector, ao que seguiron As flores radioactivas (1990), novela,
Premio Merlín 1989; Contos por palabras (1991), relatos, Premio Lazarillo 1990,
Lista de Honra do IBBY 1992, seleccionado entre a centena de títulos considerados
como os mellores da literatura infantil do século XX; Rapazas (1993), relatos; Trece
anos de Branca (1994), novela, Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; Cartas de
inverno (1995, 2016), novela, Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil; Amor dos
quince anos, Marilyn (1995), novela; O centro do labirinto (1997), novela; O
laboratorio do doutor Nogueira (1998); Cos pés no aire (1999), novela, Premio Raíña
Lupa; Aire negro (2000), novela, Lista de Honra do IBBY 2002, Lista The White
Ravens 2004 e Premio Protagonista Jove 2001; No corazón do bosque (2001),
novela; Un tren cargado de misterios(2001), conto; Noite de voraces sombras(2002),
novela; A praia da esperanza (2003), conto; O meu nome é Skywalker (2003), novela,
Premio Barco de Vapor; Tres pasos polo misterio (2004), relatos; Fantasmas no
corredor (2005), conto; Corredores de sombra (2006), novela, Premio Frei Martín
Sarmiento; O único que queda é o amor (2007), relatos, Premio Nacional de
literatura infantil e xuvenil, Premio Neira Vilas da AGE, Premio da AELG, Premio
Frei Martín Sarmiento; Lúa do Senegal (2009), novela, Premio da AELG; Valados
(2009), conto; Non hai noite tan longa (2011), novela, Premio Ánxel Casal 2011,
Premio Losada Diéguez 2012 e Premio Irmandade do Libro 2012; Fantasmas
de luz (2011), novela, Premio da Crítica Galicia 2012; Desde unha estrela distante
(2013), conto; A viaxe de Gagarin (2014), novela, Premio Ánxel Casal 2015, Premio
AELG 2015 e Premio da Crítica Galicia 2015; A neve interminable (2015), novela,
Premio Frei Martín Sarmiento 2016 e O soño do Merlo Branco (2016), conto.
Reuniu textos memorialísticos no libro O rastro que deixamos (2012) e os seus
ensaios sobre a lectura en Un mundo de palabras (2017). A maior parte da súa obra
está traducida a todas as linguas ibéricas e algunhas delas en coreano, árabe, francés,
chinés, búlgaro, bretón, italiano e inglés. Entre outros recoñecementos á súa
traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003); o Premio Xosé María
Álvarez Blázquez (2008), a Letra E da AELG (2009); e en 2011 recibiu o Premio
Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Foi o candidato da OEPLI
ao Astrid Lindgren Memorial Award; en 2011 foi escollido pola OEPLI como o
candidato español ao Premio Andersen 2012 e en 2015 a AELG propúxoo como
candidato ao Premio Nobel de Literatura. Faleceu en xullo de 2016 en Vigo.
Publica o teu comentario agora