Un éxito sobrehumano

Un éxito sobrehumano
01 de Febreiro, 2026 - 07:11 h. | Publicada por Radio Fene

A moura era o ser sobrehumano que construía a paisaxe de Galicia, segundo o antropólogo Rafael Quintía. Tamén parece sobrehumano o éxito logrado polo Perla mural fest, ao conseguir por terceiro ano consecutivo a elección do mellor mural do mundo para Fene. Nesta ocasión, logrouno cunha obra de Wedo Goas chamada As Mouras, e foi na categoria do xurado de expertos dentro do certame convocado pola plataforma Street Art Cities.

Fotografía Xan Xe

As Mouras

A obra As Mouras do artista Wedo Goas, creada no marco do Perla mural fest en Fene, foi elixida mellor mural do mundo de 2025 pola plataforma Street Art Cities. Trátase do terceiro nomeamento consecutivo do festival. Vai na categoría Expert Spotlight na que non hai votación popular, senón unha selección e votación privada dun xurado internacional de expertos. A elección consolida a Fene no mapa internacional do muralismo contemporáneo. Eduardo Goás Blanco, "Wedo Goás" das Pontes realizou o mural na rúa rio Cádavo de Perlío, nas vivendas da cooperativa de Astano. Goás estou nas escolas Ramón Falcón de Lugo, Pablo Picasso da Coruña e na Universidade de Barcelona.

O charanguista andino

O Perla mural fest logrou en xaneiro de 2025 un novo éxito, ao situar o mural realizado polo artista de Chile Cristobal Persona na N-651 en Fene, no primeiro posto entre os mellores do mundo, dentro do certame da plataforma Street Art Cities. A obra do chileno logrou máis de 11.000 votos. A obra de Persona foi a única de Galicia que competiu para o mellor mural do mundo de 2024. Con dezasete metros de altura e ensimismado na súa música, impresiona a todos os viaxeiros. Ocupa un edificio enteiro, en fronte da escola de Chamoso, iniciativa educativa que tamén veu de América.

 

A violonchelista de Fene

Situado no número 64 da Rúa da Fraga, a obra premiada no 2024 é o mural vertical máis grande de toda a carreira artística de Sfhir, e representa unha muller tocando o violonchelo. Coa noite, cando a veciñanza do edificio acende a luz das escaleiras, ilumínanse os trastes do violonchelo, o que fai que o mural semelle cobrar vida.

O Perla Mural Fest celebrou a súa primeira edición entre o 7 e o 13 de agosto de 2023. Trátase dun festival de arte urbano que pretende render homenaxe ao recinto do Perla e o seu legado, como centro cultural icónico de Fene e do conxunto da comarca entre as década dos anos 60 e 80. Durante a súa existencia, o Perla chegou a albergar un cinema, unha cafetaría e até un salón de vodas nos seus últimos anos.

 

 

Na imaxe, Wedo Goás pintando o mural As Mouras. Fotografía Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora