Un acordo polo mexillón

Un acordo polo mexillón

29 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia®, e  maila empresa Conservera de Rianxo S.A. veñen de asinar un acordo que beneficia ao conxunto de consumidores deste produto e defende os seus dereitos. A empresa recoñece a presenza de mexillón foráneo publicitado como mexillón galego e comprométese a retirar o produto do mercado e a realizar as averiguacións pertinentes para determinar as causas

Ao mesmo tempo, a conserveira recoñece a DOP como mención única para facer referencia á orixe do mexillón cultivado, transformado e elaborado en Galicia. Isto supón garantir empregos nas industrias de transformación de Galicia, e evitar a deslocalización das empresas, algo importante sobre todo nestes momentos de crise.

Así mesmo, recoñece ao Consello Regulador  como garante do proceso de certificación de orixe e calidade, amosando a súa vontade de adherirse a este ente e de someterse aos seus controis. Deste xeito, Conservera de Rianxo comprométese a certificar por medio da DOP toda a súa comercialización de mexillón galego.

Determínase así a certeza das probas realizadas polo Dpto. de  I+D+i deste Consello Regulador e confirmadas polo Grupo de Investigación Xenomar da Universidade da Coruña, recoñecido no procedemento xudicial como pericial independente.

Por todo isto, o Consello Regulador vén de retirar a querela criminal interposta o pasado mes de febreiro no xulgado de Instrución nº1 de Padrón contra Conservera de Rianxo S.A. (adxúntase copia da retirada da querela, presentada o 28/03/2011).

O Consello Regulador considera este acordo moi positivo, primeiramente para as persoas consumidoras e para as persoas que viven do Mexillón de Galicia®, xa que a partir de agora contarán coa garantía de que o Consello Regulador  certificará a produción de Conservera de Rianxo, S.A.

En segundo lugar, para esta empresa, que deposita no Consello Regulador toda a súa confianza para os procesos de control e garantía do produto, aproveitando a DOP tamén como potente ferramenta de imaxe de calidade e orixe.

Continuidade da campaña

O Consello Regulador continuará coa campaña para investigar condutas que poidan infrinxir a legalidade vixente, sempre en defensa do consumidor, que é o referente deste Consello Regulador.

Seguiremos, xa que logo, a pescudar nos casos de fraude penalmente tipificados por publicitar un contido distinto do que contén o envase. Igualmente, reforzaremos o seguimento de irregularidades de etiquetado, incluíndo a usurpación, imitación ou evocación da denominación rexistrada "Mexillón de Galicia", aínda que indique a orixe verdadeira do produto, tal como sinala o artigo 13 do Regulamento 510/2006 de protección das DOPs.

Coa pasividade das administracións estanse a xerar dúbidas e incertezas no conxunto de consumidores, o que provoca unha verdadeira alarma social. Por isto, animamos á Administración a que sexa valente e exerza as súas competencias, é dicir, que actúe en consecuencia para a defensa dos consumidores/as e de milleiros de familias que viven do Mexillón de Galicia®.

Antecedentes

O Consello Regulador  do Mexillón de Galicia® daba conta, o pasado 1 de marzo, da admisión a trámite no Xulgado de Instrución nº1 de Padrón dunha querela criminal contra Conservera de Rianxo S.A. e os seus Administradores Mancomunados pola presunta comisión dos delitos tipificados nos artigos 275  (vulneración dos dereitos de propiedade industrial do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia®)  e 282 (engano aos consumidores) do Código Penal. O Consello Regulador achegaba probas científicas de que esta empresa estaba a comercializar mexillón foráneo coma se fose galego.

O Consello Regulador realizaba esta actuación tendo en conta o obxectivo para o que foi creado, que non é outro que o da defensa da DOP Mexillón de Galicia® como única mención posible que garanta a calidade e a orixe do mexillón cultivado, transformado e elaborado en Galicia, e deste xeito defender os dereitos das persoas consumidoras e os intereses de quenes viven deste produto.

Sociedade