Un almanaque do ano da pandemia

Un almanaque de 2021 para lembrar ou esquencer 2020
01 de Decembro, 2020 - 09:34 h. | Publicada por Radio Fene

Concello de San Sadurniño agasallará a veciñanza cun almanaque protagonizado polo día a día do territorio nos últimos meses.Imprimirá este ano unha tirada de 500 exemplares.

No almanaque de 2021 repásanse mes a mes algunhas das imaxes que nos deixou o ano a piques de rematar e que se publicaron nos medios municipais. Son instantáneas do confinamento, da volta á nova normalidade, da actividade municipal adaptada á situación sanitaria, de paisaxes… que, en conxunto, nos lanzan unha mensaxe de esperanza e de confianza en que todo poida volver ao seu o antes posible. O almanaque poderá recollerse a partir do 15 de decembro na Casa da Cultura e na Casa do Concello ata esgotar os 500 exemplares que se van imprimir para repartilos totalmente de balde. Entre as 13 ilustracións da obra aparece a mensaxe televisada de Pedro Sánchez anunciando en marzo a declaración do primeiro Estado de Alarma. Outra reflicte a importancia do comercio ambulante e de proximidade durante os momentos de confinamento.

Tamén se revisa a volta paulatina á normalidade -protagonizada con varias imaxes de nenas e nenos- e, ademais, resérvase espazo para a cultura, para o deporte e a hostalaría e pequenos negocios locais, feiras e festas.O almanaque tamén lanza unha mensaxe esperanzadora de cara ao futuro. De feito a portada recolle unha actividade da rapazada da Aldea de Verán pintando no chan un mandala e remata en decembro coa pancarta de ánimo pendurada no enreixado do Concello, obra de Carlos García e Marina Goti.

O fotógrafo César Galdo e o deseñador Juanlu Fernández foron os encargados da edición do almanaque que plasma un ano que quedará marcado para sempre na historia e na nosa cabeza", comenta a concelleira da área. Por iso todas as imaxes, malia ser fotos, simulan un lenzo pintado ao óleo que reproduciu mediante algoritmos de Intelixencia Artificial o estilo pictórico de Van Gogh, elixido como acabado final pola súa carga emotiva, a viveza das cores e o volume e forza dos seus trazos postimpresionistas. "É coma se alguén copiase as fotos con óleo e pincel, ou coma se alguén estivese presente pintando cada escena cando se quitou a foto. Ademais, aínda que se repita o tratamento dixital unha e outra vez sobre a mesma imaxe, o resultado sempre será distinto e aleatorio, igual que se o cadro estivese feito á man. Ata simula o desgaste do lenzo e as equivocacións no trazo. É incrible o que fai a Intelixencia Artificial aplicada á imaxe, pero tamén dá un pouco de medo. Dá que pensar e que reflexionar sobre os límites desta tecnoloxía que xa está entre nós", comenta Amparo Calvo.

Cultura

Publica o teu comentario agora