Un barrio máis habitable

Un barrio máis habitable
13 de Xullo, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene está levando a cabo unha nova fase de melloras da accesibilidade no barrio de San Valentín. O obxectivo das obras, segundo o alcalde Juventino Trigo, é convertelo “nun barrio máis habitable, mái agradable e con infraestruturas básicas deste século, non do pasado". 

Este novo proxecto pretende continuar coa actualización da accesibilidade e dos servizos básicos nun barrio que en 2021 fixo os 50 anos e que cando se deseñou non contemplaba as necesidades actuais de quen viven nel. E é que San Valentín é o núcleo de Fene cunha densidade de poboación máis alta, pero tamén cunha idade media máis elevada. Por esta razón a prioridade das melloras que se veñen facendo nos últimos anos é a eliminación de barreiras arquitectónicas, ademais de darlle un aspecto máis moderno aos espazos e equipamentos comúns. O importe da obra ascenderá a 182.710 euros, IVE incluído, e o  prazo de execución máximo son 4 meses. Segundo comentou o responsable de Obras, Justo Ardá, co ritmo ao que están avanzando os operarios "posiblemente se remate a finais do verán ou principios do outono, sempre que non haxa contratempos". 

Sociedade

Publica o teu comentario agora