Un bo mestre preparado e namorado da natureza

Un bo mestre preparado e namorado da natureza
24 de Agosto, 2024 - 04:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un acto reivindicou en Barallobre este mediodía a memoria do mestre Manuel de Pedre Prego, represaliado tras o golpe de estado de 1936. Organizou o evento o colectivo da memoria histórica democrática “Pedro Rico e Constantino López” de Son Radiofusión coa colaboración da Deputación da Coruña. Interviron Roque Sanfiz, da S.D.Barallobre, Dolores González da Liga de Amigos, Adán Chao, concelleiro de Deportes de Fene e Henrique Sanfiz de Son Radiofusión. Cantou dúas cancións Eva Sardiña coa guitarra.

Fotografia Xan Xe

“Don Manuel de Pedre era un bo mestre, un dos mellores que houbo aquí, estaba moi preparado e preocupado polo medio ambiente” recordaba en 1997 o veciño de Barallobre xa falecido José González Ardá. Segundo a memoria familiar, don Manuel levábase ben co fundador do PSOE Pablo Iglesias Posse. O histórico dirixente socialista tivo no colo ao fillo do mestre, posiblemente na súa visita a Santiago de setembro de 1896. Pedre naceu en Caión (A Laracha) en 1869. Gañou a praza de mestre en Melide en 1893. Dando escola en Bóveda en Vilar de Barrio (Ourense) viviu un accidente cando caeu o piso da escola, quedando unha nena colgada pola cintura. Impartiu tamén clases en Mazaricos, Carnota e Mañón. En 1928 tomou posesión da praza en Barallobre onde desenvolveu unha intensa actividade social, sendo o presidente do comité pro-monumento ao camiñante descoñecido, iniciativa impulsada por Alfonso Piñón. Foi separado do servizo en xullo de 1936, nunha decisión irregular e ilegal.  Faleceu en Vigo o 12 de xuño de 1940. 

 

Algúns dos asistentes ao acto no Monumento ao Camiñante Descoñecido. Barallobre. 24 de agosto de 2024.

Fotografía Xan Xe
 

Sociedade

Publica o teu comentario agora