Un cadáver exquisito

A cultura de Ferrolterra vístese de branco, negro e vermello.
18 de Novembro, 2020 - 09:43 h. | Publicada por Radio Fene

Os artistas da comarca teñen unha cita para reivindicarse o próximo sabado 28 de novembro na Praza Ramón Souto de Fene. Con iniciativas como esta ou a celebrada recentemente en Ferrol, tratan de reclamar aos concellos o mantemento da vida cultural ata onde a crise sanitaria nos deixe. Responde ao lema "A cultura é segura". 

ESCOITA O PODCAST:

Fene será o centro dun novo acto da Plataforma Cultura Ferrolterra para significar e visibilizar a situación pola que pasan os artistras, técnicos e xestores culturais desde que atravesamos a crise sanitaria da Covid19. A praza Ramón Souto de Fene acollerá o sábado 28 de novembro, entre as 12 e 13 horas, unha exhibición de distintas disciplinas artísticas na que participará unha representación comarcal e local deste colectivo. As artistas plásticas elaborarán un “cadáver exquisito” que ven ser un xogo que idearon os artistas do dadaísmo para a creación en grupo* . O acto incluirá ademais lecturas, danza, música, para o que cada participante terá dous minutos.

A actuación está aberta aos artistas e técnicos que queiran sumarse, afirma a coordinadora do mesmo a artista local, Eugenia Sanmartín. No celebrado en Ferrol hai aproximadamente un mes parti-ciparon unhas 100 persoas. Na praza do concello de Fene tentarase actuar coa distancia de seguridade debida pero a xente pode presenciar o acto desde a contorna da propia praza. Destaca Eugenia Sanmartín que a vida cultural non é propiedade exclusiva dos artistas e técnicos da cultura senón tamén do público. “A cultura forma parte da saúde e da vida dos cidadáns. É un asunto humano” afirmou.

Para visibilizar mellor esta actuación, a Plataforma Cultura Ferrolterra prega que os participantes acudan vestidos de branco, negro e vermello. A cita é o sábado 28 deste mes ás 12h na Praza Ramón Souto de Fene. En próximas datas, actos similares reproduciranse noutros concellos da comarca.

 

*( O cadáver exquisito consiste en iniciar un debuxo ou un texto en papel e ocultalo para que o seguinte participante non vexa o feito polo anterior. O resultado final é sorprendente e divertido).

 

Na imaxe, Eugenia Sanmartín.

Cultura

Publica o teu comentario agora