Un canto ao humor

Un canto ao humor
22 de Agosto, 2021 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un monumento ao pallaso e un Museo do Humor. Son dúas singularidades que o visitante atopa ao achegarse a Fene. Detrás destas iniciativas está a man do humorista Xaquín Marín. O monumento ao pallaso foi realizado polo ceramista Francisco Pérez Porto.

Francisco Pérez Porto no Monumento ao Pallaso. Fene

Francisco Pérez Porto naceu en Barallobre en 1938. Iniciouse no mundo da cerámica polo ano 1968. Aprendeu en Buño a técnica do torno para logo darlle unha volta á cerámica tradicional e facela arte, en palabras de Isaac Díaz Pardo, con quen colaborou vinteoito anos en Sargadelos. Alí creou e dirixiu as experiencias internacionais de verán. Pérez Porto, ademais do Monumento ao Pallaso, creou, entre outras obras, o Monumento a Alexandre Bóveda na Coruña, ás Pepitas en Ferrol, a Andrés Barallobre no campo da festa de Barallobre e a fonte das Lavandeiras en Lugo.

Monumento ao Pallaso

Xaquín Marín presidiu a comisión promotora deste monumento creada en 1999. Indicaba daquela que "o oficio de pallaso é un oficio difícil. Debemos contribuír a realzar esta profesión, xa que este colectivo, o dos pallasos, de pequenos nos engaiolou e de maiores nos traen agradábeis recordos". Afirmábase tamén que "os pallasos hai tempo que sofren un deterioro da imaxe importante. Quizais este mundo civilizado do cemento e no que se vive constantemente con presas, non deixe lugar á tenrura. Só así se entende que o nome de pallaso se atribuía a todo aquel que fai algo mal, non elabora o seu traballo con dignidade ou non cumpre co seu deber". A iniciativa quería contribuír a restaurar o bo nome do pallaso. Con carácter previo, a comisión cidadá programou un Dia do Pallaso o 29 de febreiro do 2000 con actividades nos centros escolares e instalacións deportivas de Fene. Participou entre outros, Roberto Vidal Bolaño e milleiros de nenos e nenas. O monumento inaugurouse no Parque Castelao de Fene o 22 de xuño de 2001.

Sociedade

Publica o teu comentario agora