Un cento de persoas formaron o séquito dos Reis Magos en Ordes

Un cento de persoas formaron o séquito dos Reis Magos en Ordes

08 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes mostrou a súa satisfacción polo éxito acadado pola Cabalgata de Reis celebrada o pasado dia 5 e que congregou a milleiros de persoas no municipio. Unha Cabalgata na que participaron máis dun cento de persoas que formaron o séquito das Súas Maxestades entre paxes a cabalo, lanceiros e demais acompañantes que encheron de maxia Ordes nunha tarde que estivo adicada aos máis pequenos.

E precisamente foron os nenos e nenas de Ordes os que non se quixeron perder a visita á carpa instalada na Alameda para lembrar de primeira man aos Reis Magos as súas peticións para a noite, e levando a cambio un agasallo das Súas Maxestades.

En xeral foron milleiros de persoas, tanto nenos como maiores, as que encheron a Alameda ordense e que tampouco se quixeron perder a visita ao Belén Vivinte que estivo instalado no interior da carpa. Un Belén co tradicional portal, a Virxe, o Neno, San Xosé o boi e a mula; as panadeiras co seu forno de pan, as lavandeiras cun rio para lavar, as muiñeiras co seu muiño, o ferreiro ou a taberna. Ademais tampouco faltaron animais como ovellas, cabras, ponis e incluso canguros que se levaron todas as miradas dos visitantes a esta gran Cabalgata organizada polo Concello de Ordes.

Dende o goberno local, o alcalde Manuel Regos, que foi o encargado de recibir ás Súas Maxestades en compañía dos seus compañeiros de goberno, mostrou a súa satisfacción polo éxito desta convocatoria, agradecendo tanto a veciños como a visitantes e aos propios participantes na Cabalgata a súa contribución.

Sociedade