Un crepúsculo de ilusións

Un crepúsculo de ilusións
02 de Xaneiro, 2026 - 11:39 h. | Publicada por Radio Fene

Narón volverá vivir na tarde do 5 de xaneiro unha das citas máis agardadas do Nadal coa celebración da Cabalgata de Reis, que este ano leva por título “Un crepúsculo de ilusións”.  A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou este espectáculo de gran formato do que destacou o seu carácter participativo e o peso do talento local.

A cabalgata partirá ás 18.00 horas dende o CEIP de Xuvia e avanzará pola
Estrada de Castela ata a praza de Galicia, onde terá lugar a tradicional
recepción real ás súas maxestades de Oriente Melchor, Gaspar e Baltasar.
Durante o percorrido, as rúas iranse transformando nun escenario no que se
mesturarán luz, movemento e personaxes saídos do universo dos contos.

A comitiva real estará integrada por sete carrozas e cinco espectáculos
profesionais de gran formato: ‘Estrelas’, que abrirá o desfile cun ceo luminoso
en movemento; ‘A danza das Cartas’, coa Carteira Real e as súas cartas
danzantes como fío condutor dos primeiros desexos da infancia; ‘Candore’, un
espectáculo dominado pola luz branca e a percusión en directo; ‘Cores da
Noite’, con figuras sobre zancos que debuxan coreografías de luces no
crepúsculo; e ‘Atalantes’, unha escena inspirada no mundo mariño que traerá
ás rúas seres chegados do fondo do océano.

Xunto a estas montaxes profesionais, a cabalgata contará cunha ampla
presenza de participantes locais. Tomarán parte a Banda de Gaitas de Narón e
a Banda de Música da Agrupación Cultural Musical Sementeira, que lle porán
banda sonora ao percorrido, así como a Escola da Danza de Narón, presente
con cinco combos diferentes que intervirán en varias escenas da comitiva. A

danza completarase coa participación de Amei Escola de Danza, integrada na
escena inspirada nas Mil e unha noites.

A implicación da cidadanía volverá ser un dos sinais de identidade da
cabalgata. Un total de 45 persoas voluntarias, elixidas mediante sorteo,
participarán activamente no desfile: 36 formando parte das carrozas e 9 como
paxes, ademais doutros personaxes que acompañarán as distintas escenas.

A proposta inclúe tamén a presenza de Gulliver e os lilliputienses, como
lembranza e promoción do Gulliver Festival, unha cita cultural que se celebra
anualmente en Narón e que sitúa o municipio como referente das artes de rúa.

Ferreiro destacou o carácter colectivo desta cabalgata, na que conviven
espectáculos profesionais, escolas locais e veciñanza, e animou a asistir tanto
ao percorrido como á recepción aos Reis Magos na praza de Galicia, que lle
porá o ramo a unha tarde pensada para ser compartida en familia.

Sociedade

Publica o teu comentario agora