Un deporte para coñecer o patrimonio

Un deporte para coñecer o patrimonio
16 de Novembro, 2020 - 10:04 h. | Publicada por Radio Fene

Unha das cousas que máis chama a atención a toda aquela persoa foránea que pisa Ferrolterra é a fusión entre o mar e a montaña. O Club de Montaña Ferrol aproveita ao máximo esta situación para que, todos aqueles que o desexen, poidan desconectar con paisaxes sen igual.

ESCOITA O PODCAST:
Xan Ramírez, directivo do Club Montaña Ferrol

O presidente do Club Montaña Ferrol, Xan Ramirez, fala orgulloso dos compañeiros que xa chegaron aos Andes pero sempre recordando a casa. En Galicia non hai opcións para tanta altitude pero hai unha infinidade de rutas que non deixan indiferente a ninguén. Dende a entidade intentan dar a coñecer posibles camiñadas en Ferrolterra e en Galicia. Na súa páxina web recollen todos os datos necesarios para que, calquera que teña un GPS, poida percorrer un sinfín de camiños. Eles son os encargados de preservalos xa que este deporte non está aproveitado como debería, segundo Xan Ramirez.

Isto demostrouse, por exemplo, cando conseguiron facer unha ruta de cincuenta quilómetros por Ferrol na que, practicamente, non se pisa a estrada. Tamén cando viron o Concello de Cabanas dende un punto de vista totalmente diferente que os deixou abraiados.

Esta segunda ruta veu a luz grazas a outro beneficio que aporta o sendeirismo, coñecer o patrimonio. É obvia a función física que ten o deporte pero non é tan coñecida a función pedagóxica. Camiñar os municipios de Ferrolterra fixo que os membros do club coñecesen mellor os lugares nos que residen. Xan Ramirez explica que, no caso de Cabanas, a colaboración do concello foi algo esencial.

Aínda queda traballo por facer, iso está claro, mais o Club Montaña Ferrol pon o seu grao de area para todo aquel que teña interese e gañas de explorar. Isto é polo que presumen eles, con toda a razón do mundo. Non desfrutan só dun deporte se non tamén da súa terra que, a pesar de ser moi coñecida aínda queda moito por coñecer.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora