Un dos libros máis relevantes

Un dos libros máis relevantes
10 de Agosto, 2021 - 11:25 h. | Publicada por Radio Fene

De catro a catro é un dos libros de poesía galega máis relevantes de todos os tempos. Está considerado como unha das cimas universais da poesía vangardista, indica o investigador Anxo Tarrío. “Manuel Antonio colocou á literatura galega á altura das máis avanzadas de Europa” afirma o profesor Xosé Luís Axeitos. Tras 1936 cae no esquecemento pero “nos anos cincuenta unha antoloxía preparada por Fernández del Riego recolle a obra de Manoel Antonio e algúns textos inéditos. Rapaces como Novoneyra, Ferrín, Manuel María, Franco Grande, Beiras e Bodaño recuperan a Manoel Antonio como un arma de liberdade, como un símbolo rompedor e de rebeldia”.  A editorial Alvarellos ven de publicar unha nova edición do facsímile da obra do escritor vangardista.

Xosé Luís Axeitos en Radio Fene. Maio de 2021. Fotografía: Xan Xe Corral

No poeta de Rianxo a cuestión textual é básica porque os vangardistas de toda Europa rebélanse contra certas convencións ortográficas.  Utiliza a palabra terra con maiúscula e con minúscula. Aí non se equivoca ninguén. Un mariñeiro dí imos á terra, e todo o mundo o diferencia da Nosa Terra, con maiúscula.  Pero hai que estar tamén atentos e respectar cando o poeta escrebe con maiúscula ou con minúscula, o mar. En Manuel Antonio a patria é o Mar, pero o Mar con maiúscula, segundo Xosé Luís Axeitos. 
Nas “Aproximacións a Manoel Antonio” de Axeitos, abórdase tamén a relación do escritor coa súa nai: “Unha muller ultra conservadora, católica, beata, castelán-falante e un fillo símbolo de rebeldía, nacionalista, que se expresa en galego, a aparente contradición está servida, pero as continuas cartas que o escritor envía á súa nai mentres navega revélanos datos obxectivos dunha relación estreita” apunta Axeitos.  En 1929 en Cádiz xa estaba enfermo moi grave e todo Rianxo o sabía, aínda que a nai entérase cando lle chega xa moi grave. Padecía tuberculose, unha doenza moi contaxiosa. Daquela era unha enfermidade social,  de illamento "e para comprender iso hai que coñecer o contexto".  A boa sociedade de Rianxo mantiña certas reservas con Manoel Antonio. O poeta era rompedor, tiña que facerse visible, era  un militante nacionalista. O libro de Axeitos achega unha mirada de novidade sobre a súa obra e indaga no senso interno da súa escrita. Trata de dar sentido aos símbolos que emprega o bardo. Manoel Antonio esixe a re-lectura porque os seus poemas ofrécense con amplas zonas de sombra. O libro presenta o achado de dous textos de xuventude inéditos: Nótulas e Senectud, divino tesoro. 

Cultura

Publica o teu comentario agora