Un fermoso canto poético á infancia

Un fermoso canto poético á infancia
17 de Xuño, 2021 - 10:00 h. | Publicada por Radio Fene

Hai quen oíu cantar o cervo. E sentiu o paso do unicornio. E viu saír a lúa do pozo. E coñeceu a existencia dos trevos de sete follas. Destas e de moitas outras cousas fala este fermoso canto poético á infancia. Falamos do libro Cancións para Ana Lúa de Xavier Seoane.

ESCOITA O PODCAST:
Xavier Seoane en Radio Fene Radiofusión. Maio de 2021

A rapazada é coma unha esponxa máxica que non entende as cousas coma nós,dunha maneira tan racional. Xavier Seoane cre que os nenos son moito máis perceptivos para as artes do que cremos os adultos. O verde vizoso da natureza nesta época da primavera é unha marabilla. Estamos en plena explosión primaveral, apunta  o escritor. O mundo da natureza está moi presente en toda a obra de Seoane. 
A vacaloura, o cempés, o grilo que ademais canta. O mundo dos animais é extraordinario.  Ao mellor nun verán, só se ve un vagalume. Hai anos que se ven dous. Pero antes víanse moitos. Iso estámolo destruíndo. Para a rapazada, un gato, un can, un cabalo é un compañeiro. 

Os nenos van á escola.
 Lúa dorme no berce a perna solta. 
Os nenos van ao mar. 
Lúa pídelles cunchas para xogar. 
Os nenos van á hora. 
Lúa pídelles grilos, estralotes, amoras. 
Lúa ten enfeitizo. 
Se a arrolo e agarimo, quedo eu durmido. 
Comeza así o primeiro dos poemas incluídos no libro “Cancións para Ana Lúa” que ven de publicar Xavier Seoane en Edicións Xerais. Escoitamos esta mañá a conversa co autor no clube de lectura de Radio Fene Radiofusión.

 

Fotografía: Xan Xe Corral

Cultura

Publica o teu comentario agora