Un gol decide o derby

Un gol decide o derby
06 de Decembro, 2022 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Marcador favorable ao Maniños no derby no campo do Pote, correspondente á Segunda División Galega de fútbol feminino. Maniños 1-0 Perlío no partido disputado o sábado. Rivalidade no terreo de xogo e elegancia nas valoracións do partido por parte dos técnicos dos dous equipos de Fene.

ESCOITA O PODCAST:

Un único gol, marcado no minuto 5 por Paula Varela serviulle ao Maniños para anotar os tres puntos e acabar coa mala racha que levaba nas últimas xornadas. “Estábamos moi ilusionados con romper a mala racha, tocar o botón para cambiar as dinámicas, e o sábado, cun gran equipo como foi o Perlío, puidemos sacar a vitoria adiante”, di Juanjo Iñiguez, Cebolo, adestrador do Maniños. “Baixo o meu punto de vista o resultado é xusto”, opina, logo de recoñecer que “na primeira parte elas tiveron bastantes  ocasións que non materializaron”. “Para min o mellor do partido foron as porteiras, tanto do Perlío como do Maniños”. “Nós tivemos a sorte de meter un traballar ese resultado”. “Elas traballaron moi ben, teñen un gran equipo”, valora.

“Foi un partido moi igualado, sabíamos que se ía decidir en pequenos detalles e elas aos cinco minutos, nun erro de saída noso, fixeron o gol, a partir de aí tocou remar, o gol deixounos un pouco tocadas, pero o equipo repúxose e tivemos tres ou catro ocasións claras antes do descanso para empatar. “Penso que merecíamos o empate antes do descanso. A segunda metade foi menos intensa”. “Elas defenderon ben e souberon xogar co marcador” “Felicitar ao Maniños pola vitoria, fixeron un partido moi serio, desexarlle toda a sorte ata que os volvamos enfrontar, está claro”, declarou a Radio Fene o  técnico do Perlío, Carlos Carballo, Vinky.

Deportes

Publica o teu comentario agora