ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Unha concentración cidadá ás doce deste mediodia diante da Casa do Concello de Cervo (Lugo) amosará a repulsa polo crime de violencia de xénero acaecido onte na localidade. Outra protesta terá lugar ás oito da tarde diante da Casa do Concello de Burela, atendendo á convocatoria do colectivo Mulleres en Igualdade.
José Antonio C.F., de 52 anos, foi detido como presunto autor da morte da súa muller, de 45, e a súa sogra, de 72, no municipio lugués de Cervo. O arresto produciuse despois de que o home se dese á fuga e o seu vehículo fose localizado na ponte que une Galicia con Asturias.
Na súa primeira declaración ante a Garda Civil, o home confesou o crime e recoñeceu ter atacado á súa sogra cun pau e á súa muller cun pau e cun coitelo, co que dixo provocarlle unha ferida no pescozo. Pasará previsiblemente este mércores a disposición xudicial.
A Garda Civil alertou do achado de dous cadáveres con signos de violencia sobre as 13.15 horas deste martes. Nai e filla atopábanse nos seus domicilios, en vivendas contiguas na parroquia de Riocobo de San Cibrao que conforman a mesma unidade residencial. En concreto, unha das vítimas estaba boca abaixo no chan e a outra na cama na mesma posición.
Os investigadores confirmaron, tras solicitar probas, que a súa morte se produciu tras ser golpeadas cun pau. En concreto, fontes da investigación sinalan que a arma do homicidio foi unha estaca. A muller de 72 anos recibiu un golpe frontolateral na cabeza e a de 45 foi mallada, ademais de ter signos de que lle apertaron o pescozo.
O individuo, José Antonio C.F., de 52 anos de idade, foi arrestado ao redor das 18.30 horas preto de onde foi localizado o seu vehículo, na parte asturiana da ponte que une esa comunidade con Ribadeo (Lugo). Non ofreceu resistencia no momento da detención e foi trasladado a dependencias da Garda Civil en Burela (Lugo).
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, comentou que se trata de "familias moi queridas" e engadiu que "non hai nada que poida explicar isto". Segundo dixo, a muller de menor idade traballaba "en centros de educación próximos e a súa nai estaba xubilada". O marido e presunto agresor ten unha empresa de construción.
NON HABÍA DENUNCIAS
Tamén concretou o rexedor mariñán que "non había ningún tipo de denuncia nos Servizos Sociais do Concello". Así mesmo, avanzou que "unha vez confirmado que son actos de violencia de xénero, o Concello decretará uns días de loito". A parella non tiña fillos.
Trátase do primeiro caso de violéncia de xénero en Galicia e segundo no conxunto do estado no que vai de ano.