Un home rebelde e amante de Galicia

Un home rebelde e amante de Galicia
17 de Maio, 2019 - 06:06 h. | Publicada por Radio Fene

Un home rebelde e amante de Galicia. Poderíase definir así a Antón Pita García, a quen esta mañá do Dia das Letras Galegas, a Asociación Veciñal de Magalofes adicou unha sentida homenaxe. O presidente da entidade Manuel Pico e  o ex-alcalde de Fene Xosemaria Rivera Arnoso dirixironse ás persoas asistentes entre as que se atopaba a filla e a familia do homenaxeado.

Acto en lembranza de Antón Pita García

No acto descubreuse unha placa en lembranza de Antón Pita García, que foi presidente da Asociación Veciñal de Magalofes e concelleiro en Fene. Faleceu o 6 de agosto de 1996.

Antón Pita García foi albanel de profisión e traballador de Astano. Como presidente da Asociación Veciñal de Magalofes, impulsou a construción do local social. Logrou que o Concello cedese os terreos en 1986 e máis unha subvención que alcanzou un millón de pesetas. Pero máis alá, él soubo implicar á totalidade da cidadanía da parroquia para colaborar de xeito voluntario e desinteresado na edificación. Os sábados pola mañá xa non collía a xente polo elevado número de persoas que se achegaban para colaborar. Segundo indicaba Antón Pita, o local serviu desde o inicio como factor de cohesión da parroquia. Antes había unha certa diferencia entre os de río abaixo e río arriba, pero ao empezar a construción xa quedou un único Magalofes e as diferencias acabaronse.

Amor a Galicia e ás tradicións e espiritu de rebeldía eran duas características da persoalidade de Antón Pita Garcia. Duas anécdotas sirven para exemplificar ese espiritu:

 

Adoitaba cantar a canción do cuco, uns versos tradicionais que dician así:

 

Eu ven vin estar o cuco

na beira dun arredor

cunha escopeta lareta

aprendendo a cazador

 

Outra anécdota revela tamén o espiritu rebelde de Pita. Contaba él que nunha ocasión traballaba cunha cuadrilla de albaneis en Ferrol ao mando dun encargado chamado don Alberto. O encargado convidou a todo o plantel con motivo do seu cumpreanos. Alí comeron e beberon e ao remate do xantar un dos empregados levantouse e reclamou un brinde dos presentes en agradecemento ao encargado. Viva don Alberto, exclamou. Acto seguido levantouse Pita e reclamou tamén outro brinde: Vivan os pelotas! Ao dia seguinte foi despedido. 

A lembranza e o agarimo pola figura de Antón Pita presidiu esta mañá a homenaxe en Magalofes. Ao remate, un neno corría polo local social e díxolle a súa nai: Antón, ven aquí! Era o bisneto de Pita.

 

 

 

 

 

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora