Un lugar para o lecer

Un lugar para o lecer
19 de Decembro, 2025 - 02:23 h. | Publicada por Radio Fene

Fene disporá dun novo espazo recreativo en Barallobre grazas á colaboración entre o Concello e Navantia. A empresa cede por catro anos unha parcela no Camiño do Carril para uso público da veciñanza. O futuro espazo, situado ao pé do Campo de Fútbol do Ramo, contará cun itinerario peonil accesíbel e unha área de descanso con vistas á ría. A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou a importancia do acordo e agradeceu a colaboración de Navantia.

ESCOITA O PODCAST:

O Concello de Fene e Navantia veñen de asinar un convenio de colaboración para a cesión temporal dunha parcela propiedade da empresa naval no Camiño do Carril, na parroquia de Barallobre, co obxectivo de crear un novo espazo recreativo ao servizo da veciñanza. O acordo foi asinado pola alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e pola directora de Navantia, Carla Chawla, e terá unha vixencia inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga. “Este convenio é un exemplo da boa sintonía e da colaboración institucional entre o Concello e Navantia, que permite poñer en valor espazos estratéxicos para o uso público”, sinalou a alcaldesa. 

A parcela, situada ao carón do campo de fútbol do Ramo e fronte á marxe sur da ría de Ferrol, será acondicionada como unha área para o lecer e a realización de actividades ao aire libre. O proxecto contempla a execución dun itinerario peonil e a instalación dunha zona de descanso dotada de mesas de picnic e bancos, aproveitando a súa localización privilexiada con vistas ao mar. A actuación busca converter este ámbito nun novo punto de encontro e desfrute para a veciñanza, promovendo hábitos de vida saudábeis e fomentando a actividade física, especialmente entre a poboación máis nova, como ferramenta para combater o sedentarismo. Ao mesmo tempo, prevese que este novo espazo funcione como polo de atracción de persoas procedentes de outros concellos da contorna, reforzando o uso social e recreativo da zona.

Oferta de emprego

Máis noticias con Navantia como protagonista. A empresa pública oferta 100 novas prazas para o estaleiro de Ferrol. Publica hoxe o seu portal de emprego esta oferta de emprego.

Diríxense tanto a perfís júnior como sénior, en función da experiencia e requírense distintos niveis de formación, desde o grao universitario ata a certificación profesional que acredita a experiencia nun determinado oficio. O prazo para presentarse a estas vacantes permanecerá aberto ata o 16 de xaneiro,  ás doce do mediodía. O trámite de inscrición debe realizarse a través da web de emprego da compañía.Unha vez activada a conta, é necesario subir a documentación requirida. 

Publícanse 57 prazas con perfil técnico e operativo, con 38 postos júnior e 19 sénior. Estas últimas diríxense a persoas que acreditan máis de catro anos de experiencia nas funcións da vacante á que optan. E con titulación universitaria publícanse 43 prazas, distribuídas entre 22 prazas júnior e 21 sénior. A web de emprego publica ademais dúas vacantes para a área de saúde, unha para medicina xeral e a outra para medicina do traballo.

Institucional

Publica o teu comentario agora