Un lugar seguro para vivir

Un lugar seguro para vivir
13 de Xullo, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Fene debeu ser un lugar atractivo para vivir na prehistoria porque coñécese a existencia de distintos asentamentos nos que viviron os primeiros poboadores feneses. Falamos de castros coa técnica da oficina municipal de Turismo, Estefanía Purriños.

ESCOITA O PODCAST:

Os castros foron o primeiro asentamento estable que houbo Galicia. En Fene, temos noticia do castro de Cardoeiro, ou castro das Pías, arrasado nos anos 70 pola ampliación de Astano.  O castro de Orra en Sillobre. O de Magalofes, na Fontenova, no monte do Castro. O de Barallobre. Facendo límite con Cabanas había un castro marítimo, o de Rio Castro. E tamén se sabe do castro de Prismos, situado entre Maniños e Limodre moi preto da igrexa de Limodre. Este último é o único de Fene que foi nomeado na Geografía del Reino de Galicia de Carré Aldao. Atópase cuberto por maleza para garantir a súa supervivencia, como nos explicou Estefanía. 

No castro de Prismos atopáronse restos de cerámica e de muíños circulares. “Atópase nun outeiro duns 140 metros, trátase dun castro moi completo e que presenta un conxunto defensivo complexo e ben artellado. O recinto interior é mais elevado, a croa está amurallada, o conxunto complétase cun amplo ante-castro protexido por un pequeno terraplén que se perdeu polo leste”.

Cultura

Publica o teu comentario agora