Un millón en obras

Un millón en obras
27 de Setembro, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Case un millón de euros suman os investimentos en obras en Fene, sinala o concelleiro Manuel Polo que pasou revista en Radio Fene ás melloras que ten en marcha o Concello e tamén se pronunciou sobre a suba do canon de Sogama.

ESCOITA O PODCAST:

“Estamos en obras continuamente, dá satisfacción”, resume o responsable de Obras do Concello de Fene, que detallou a marcha de distintos proxectos en execución, a punto de rematar ou próximos a dar comezo. Dos traballos de re-urbanización que se realizan na rúa  Antonia Montero indicou que “é unha obra moi importante na zona urbana, unha actuación bastante complexa, re-urbanizar toda a rúa, a maioría de servizos son antigos, vaise soterrar tanto a electricidade, telecomunicacións e todo o cableado que afea, a rúa quedará a cota 0 e será máis accesible”. Destacou, tamén, a dotación de auga a Limodre, “toda a parroquia quedará con auga municipal, un fito importante ofrecer este servizo básico”. No capítulo de anuncios, mencionou dúas obras de substitución das tuberías de fibrocemento da traída de auga nas rúas Travesa e Inferniño e unha nova fase das melloras na rúa Campanario.

Tocante ao debate plenario sobre a suba do canon de Sogama, Manuel Polo tirou de ironía na súa resposta ao Partido Popular. “Máis barato sería tirar o lixo a Marraxón”, respondeulle ao voceiro do PP. Sobre a responsabilidade na suba recalcou que “Sogama contamina e por iso a penalizan”. O tratamento de residuos de Sogama basicamente é a incineración, un modelo insostible desde o punto de vista ambiental. A Unión Europea penaliza as emisións a través da incineración. 

 

Institucional

Publica o teu comentario agora