Un monumento das nosas letras

Un monumento das nosas letras
09 de Xuño, 2022 - 12:14 h. | Publicada por Radio Lugo

As Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio son un monumento das nosas letras en palabras de Álvaro Cunqueiro. Poida que non todas as cantigas sexan da man do rei Afonso e que poetas da súa corte puxeran de seu no Libro de  Santa María.  Nas Cantigas moitos milagres aparecen repetidos pero o que pasma delas é a cantidade de vida cotián, a diversidade das xentes e dos seus oficios. Para o coñecemento da vida social do século XIII son un documento inestimable. Para María Gimenez, do grupo Manseliña a época de Afonso Décimo é o gran momentazo da música e da poesía galega antes do Rexurdimento. Hoxe en dia está posto en dúbida o amor do rei pola lingua galega. 

ESCOITA O PODCAST:
Fotografía Xan Xe

Manseliña
Tin Novio, Pablo Carpintero e María Gimenez forman Manseliña, ,grupo que interpreta a súa música con instrumentos tradicionais.  O primeiro disco “Sedia la fremosa” recollía obra de Martín Codax e do rei Afonso X o Sabio. No traballo “María Pérez se maenfestou” céntrase máis nas cantigas de escarnio a María Balteira,soldadeira galega activa nas cortes de Fernando Terceiro e Afonso Décimo e branco preferido das bromas dos trobeiros. Inspirou polo menos catorce textos poéticos. No século Trece a lingua da poesía en toda a península era o galego. O castelán reservábase para as partidas e documentos de tipo máis administrativo. Ademais da poesía piadosa, Afonso fixo cantigas de escarnio e mal dizer, nas que sorprende a súa capacidade de ironía e de sarcasmo, o espírito burlón, e aínda ás veces obsceno. Vese ben o seu grande enxeño e a gracia no uso da lingua.  Hai cantigas de especial interese, entre elas a de Santa María de Lugo, unha dun romeu a Santiago e a da donosiña ou donicela do rei, que di o propio Afonso que é así como a chaman os galegos.  Alvaro Cunqueiro publicou en 1980 na Editorial Galaxia unha escolma do cancioneiro de Afonso Décimo. Escolleu vintetrés poemas e ofrece a súa versión no galego moderno. En 2021, Galaxia reeditou un facsímile da edición publicada en 1980.
 

Cultura

Publica o teu comentario agora