Un morto e varios feridos nunha explosión de gas en Vigo

Un morto e varios feridos nunha explosión de gas en Vigo

09 de Febreiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Un veciño de Vigo faleceu minutos antes das nove desta mañá nunha explosión acaecida na rúa San Salvador entre as prazas de Isabel e Fernando o Católico, perto de Pizarro. O piso afectado é o sexto A do número seis desa rúa. A estrutura do edificio quedou seriamente danada, segundo a primeira impresión dos técnicos municipais.

Unha persoa morreu e varias resultaron feridas por unha explosión de gas nunha vivenda no centro de Vigo. O falecido é Ramón Gonzalez Sanz, de 44 anos, militante moi activo do Partido Popular. A Policía Nacional confirma que hai catro veciños feridos e ingresados no hospital, así como varios policías intoxicados por inhalación de fume e un axente lesionado ao escorregar nos cascallos.

A principal hipótese policial é que a deflagración se produciu tras a acumulación dunha bolsa de gas. A fuga puido incendiarse cando a vítima abriu a chave de auga quente pola mañá. O gas estendeuse despois aos pisos inferiores. As desfeitas foron cuantiosas e no caso do piso onde se produciu a explosión a onda expansiva derrubou varias paredes laterais no interior da vivenda. A vítima sufriu graves queimaduras polo incendio posterior. Un equipo dos Tédax examina os cascallos para pescudar as circunstancias.

Sociedade