Un número con sorpresa

Un número con sorpresa
18 de Xuño, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O “41” é máis que un número. Tamén é unha obra de arte. Unha instalación artística que se mostra ata o 30 de xuño no Torrente Ballester. Unha única obra con sete autores. Os fotógrafos do grupo Fototertulia. María Seage, Xavier Fariñas, José Fonticoba, María Fernández, Carmen Carballada, Martina Barcia e Malena Carballo, son os autores da instalación escultórica realizada a partir da horma dun zapato, na que traballaron coa fotografía, vídeo, madeira, o son e a palabra. 

ESCOITA O PODCAST:

“Buscamos provocar unha emoción”, di Malena. “Descoloca”, engade María Fernández. Atoparon inspiración na cultura oriental. Un proxecto distinto ao que antes fixeran, “a maior diferencia entre esta obra e o anterior é que sempre a fotografía foi o invitado principal, todo xiraba en torno ás fotografías nesta non o teño tan claro, é unha obra na que todo ten o seu protagonismo, non só a fotografía”, destaca José Fonticoba. 

Trátase dun proxecto conxunto, aínda que parte do traballo fixérono por separado. Cada un levou a peza para a casa durante un mes. A concepción da obra foi longa. “Máis dun parto, foi un embarazo, un parto e algo máis”, bromea María. 

“41” enmárcase no proxecto experimental de arte contemporáneo “Andante”. Unha colección propiedade do arquitecto Ramón Álvarez, creada a partir de antigas hormas de zapato que entrega a artistas de diferentes disciplinas (pintores, escultores, fotógrafos, arquitectos, modistos, músicos etc.) para que as empreguen nas súas creacións e lle dean nova vida a unha peza imprescindible no traballo dos artesáns zapateiros. A obra creada polo Grupo Fototertulia pode visitarse ata o 30 de xuño en Ferrol, no Centro Cultural Torrente Ballester.

Sociedade

Publica o teu comentario agora