Un novo medio naceu neste mes de marzo

Un novo medio naceu neste mes de marzo
21 de Marzo, 2021 - 08:56 h. | Publicada por Radio Arzúa

Un novo medio en galego naceu neste mes de marzo de 2021. Trátase de BCB xornal, Bueno, carallo bueno. Xornal humorístico nacido na Coruña. É unha proba da vitalidade dos 140 medios que se dirixen ao seu público no idioma galego, segundo se puxo de manifesto no evento celebrado onte sábado na Casa Rosalía en Padrón para conmemorar o Dia dos Medios en Galego.  
"Falamos de todo, de banda deseñada, de surf, de humor, de moda. Hai un portal de surf en galego, que ademais vende artigos para ese deporte, e factura un millón de euros ao ano. É testemuña de que o galego da para comer e para cear. Que hai que deseñar bos produtos e que conecten cunha audiencia cada vez máis segmentada. No mundo actual o fluxo da información é moi caudaloso. Se non se sabe descodificar, estamos indefensos fronte á manipulación.. Nós ofrecemos unha perspectiva galega para ver o mundo" afirman desde a Asociación de Medios en Galego. 

Dia dos Medios en Galego. Padrón 2021

Por que, a pesar da vizosidade dos medios en galego, a última década entre 2010 e 2020 foi letal para a nosa lingua. É unha evidencia que o uso do galego practicamente desapareceu entre a xente nova das cidades. O número de cidadáns que teñen o galego como primeira lingua tamén descendeu de forma alarmante nesta década. Por iso, AMEGA reclama  unha actuación máis decidida de todas as administracións públicas para a potenciación do idioma galego. E tamén reclaman da cidadanía unha maior conciencia, unha maior valoración das características singulares de Galicia. 
En Padrón
Este sábado 20 de marzo a Asociación de Medios en Galego celebrou o Día dos Medios en Galego. Fíxoo co programa “Moito que sachar” en formato Late Night, presentado polo actor mazaricán Federico Pérez Rey. A Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón, converteuse nun estudio de televisión para acoller este Late Night acompañado da música de Iván Barreiro, á guitarra; Carlos Arévalo, á batería; e Ale Casquero aos teclados. Fede abriu o programa cun simpático monólogo no que se atreveu mesmo a reescribir a historia do nacemento de Galicia da man dun Breogán capataz de obras nas pirámides de Exipto de permiso pola nosa terra. 

O primeiro invitado, trala benvida ofrecida polo anfitrión Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi Valentín Garcia, Secretario Xeral de Política Lingüística, que ademais de facer referencia á ”concentración parcelaria das lingua” que contaba Fede, recoñeceu que “queda moito por facer nesta lingua, pero temos que gabarnos de que somos a única lingua cooficial no estado español que é maioritaria”. En calquera caso, referendou a necesidade de “afianzala, nesta nova Galicia, hai que colocala nos novos tempos e nos novos medios, e aí os medios en galego teñen moito que dicir”. 

A responsable da área de Normalización e Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, resumiu brevemente a labor das deputacións para “contribuír a avanzar no escenario da normalización da nosa lingua, en colaboración das administracións locais, e as entidades sociais e culturais: Escoitar, estar atentas e colaborar.” Declarouse seguidora “habitual dos medios en galego, por convicción, porque as linguas están feitas polas persoas, e os relatos son feitos dende aquí”.

Unha das grandes intervencións foi protagonizada pola mesma “Lingua Galega”. Lidia Veiga representou á lingua nai con moita retranca, dando conta da necesidade de sachar, por exemplo, abrindo a posibilidade de emitir en “tiktok” pol@s xornalist@s galeg@s. Deixou claro que segue estando “enferma” en innumerables sectores, como o xudicial e mesmo mediático.

O acto serviu para a presentación oficial do proxecto agora.gal, un agregador e distribuidor de contidos dixitais en galego. Unha nova proposta de comunicación en galego que fundirá nunha única plataforma unha manchea de xornais e revistas do país, que estará en breve na rede dentro de moi pouco.

Pechou a serie de intervencións Pablo Garcia Chichas, xornalista de Radio Estrada e representante da AMEGA, que xa apuntou que a entidade xa é socia protectora na Casa de Rosalía. “O xornalismo en galego é cada vez máis necesario, medios veraces, plurais… que exercemos de servizo público gracias á nosa versión bidireccional da nosa comunicación”, expresou. “Quen conta a cantidade de empresas que se marchan fóra de Galicia? Os medios en galego! Agora estamos en Madrid todo o día, pero que pasa cos traballadores de Alcoa, que pasa co Consorcio, que pasa coa deputación de Ourense?”, preguntouse Pablo, focalizando na “utilidade” da nosa lingua para contar o que pasa no país.

O programa foi emitido por streaming (ou “polo rego”, como propón Fede en clave de normalizar as novas tecnoloxías na nosa lingua) a través das canles de AMEGA (Youtube: https://youtu.be/7pEgX7kkeZc; @mediosengalego en Facebook e @AMEGAOficial en Twitch),  e ademais será retransmitido o domingo ás 21:30 en NósTv (no 119 de R) e o luns ás 18:00h nas radios municipais galegas da rede Radiofusión.

A cita foi unha festa para os máis de 140 medios que a día de hoxe comunicamos na nosa lingua activos este marzo 2021.

O evento, no que colaborou a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Departamento de Normalización da Deputación da Coruña, estaba formulado para emitir o 7 de febreiro (a data oficial aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, en memoria da publicación do primeiro medio de comunicación en galego, O Tío Marcos d’A Portela en 1876) que se adiou ata onte polas restricións sanitarias.

Cultura

Publica o teu comentario agora