Un pódcast sobre novela negra e saúde mental

Un pódcast sobre novela negra e saúde mental
30 de Setembro, 2022 - 09:23 h. | Publicada por Radiofusión

O podcast “Lobos doentes” preséntase mañá sábado na Coruña. Un roteiro literario pola Cidade Vella con palabras do presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira, do músico Xurxo Souto e do escritor Antonio Tizón. Tamén intervirán o académico Xosé Luís Axeitos e o comunicador Cándido Barral. Ademais o actor Franqui Muiño interpretará fragmentos do podcast que se poderá escoitar desde novembro en Radio Fene e Radiofusión. 

Fotografía Xan Xe

Eugenia Sanmartín dirixe o podcast “Lobos doentes” con guión de Antonio Tizón a partir da novela do mesmo nome que publicará Xerais en xaneiro de 2023. Participan máis de vinte actores e actrices. Para o roteiro, organizado por Son Radiofusión, xa están todas as prazas cubertas. Tizón utiliza o xénero da novela negra para tratar diferentes perspectivas das enfermidades mentais. O policía Pereiro investiga a aparición dun cadáver ao pé da Torre de Hércules. Por escenarios da Cidade Vella como a Praza da Fariña, o xardín de San Carlos e a casa na que viviu Rosalía de Castro desfilan personaxes tendo con telón de fondo a impunidade do poder fronte ao crime e a confusión entre loucura e maldade. O podcast Lobos doentes preséntase mañá sábado nunha camiñada que comezará na Libraría Berbiriana da Cidade Vella da Coruña.

 

 

Na imaxe, Eugenia Sanmartín. Fotografía de Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora