Un paseo polos parques de Santiago de Compostela

Un paseo polos parques de Santiago de Compostela
23 de Maio, 2024 - 12:25 h. | Publicada por Radiofusión

O parque da Alameda, a carballeira de Santa Susana, o Campus Universitario Sur, San Domingos de Bonaval e Belvís. Os parques e xardíns teñen a virtude de transformarse a si mesmos ao longo das estacións, modificando á súa vez toda a cidade: coloreándoa no outono, espíndoa no inverno, iluminándoa na primavera, asombrándoa no verán, invadíndoa co recendo da terra mollada, da herba acabada de cortar, das plantas que florecen..., e son, sen dúbida, os mellores salóns desde os que contemplar os seráns de Compostela. Aldara Castro convídanos na revista Mazarelos a dar un paseo polos parques da cidade parándonos a pensar no modelo urbanístico que hai detrás da súa ordenación.

O primeiro número do 2024 xa saíu do prelo. Trátase da Mazarelos 13, a revista que arranca o quinto ano de existencia da publicación. Nesta ocasión atopamos na capa unha ilustración fermosa de Rosa de Cabanas na que aparecen dúas mulleres leiteiras cunhas contornas que se mesturan co fondo branco.

Comeza o número Amelia Fidalgo cunha entrevista a Mihaela Ciobanu pertencente á chamada "xeración coa chave ao pescozo" durante a Romanía de Ceaușescu. Segue Pablo Molejón, desde as conservas da Ría de Vigo do século pasado, para darnos a coñecer á moza Rosa Monteagudo. Despois Sara De Torres dános a coñecer a Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW), un organismo da ONU descoñecido para a maioría. En penúltimo lugar conversamos con Pilar Cagiao e Domingo González Lopo, profesores da Facultade de Xeografía e Historia sobre o fenómeno migratorio desde a Idade Moderna. E pecha Alba Casas, integrante da Rede Galega de Estudos Queer, falando das súas orixes e do seu papel na conformación dun espazo académico coa diversidade por bandeira.

Todas as persoas que o desexen poden mercar un exemplar da revista en tenda.mazararelos.gal, ben en formato físico, ben en formato dixital.

 

Na imaxe, presentación da revista Mazarelos. Santiago de Compostela. 2020

Cultura

Publica o teu comentario agora