Un plan ambicioso para a avenida do concello de Fene

En outubro empezaranse moitas obras pendentes do POS
25 de Setembro, 2020 - 10:31 h. | Publicada por Radio Fene

O concello de Fene está rematando o plan de mellora dos camiños. Picoto, Santa Ana, Travesa ou Marraxón son obxecto deste plan.

ESCOITA O PODCAST:
Avenida do Concello de Fene

“ O centro de saúde de Maniños dá moito servizo aos usuarios da zona que teñen xa unha idade e dificultades para moverse ao centro do Tarrío” afirma a concelleira Mar Piñeiro quen, despois de manter conversas co xefe de área, informa que a obra de reforma está programada pero de momento segue pechado. Tampouco empezaron as obras do comedor do colexio Centieiras, co proxecto rematado pero sen contratar. “Hai un compromiso verbal co anterior alcalde pero o Fene, Fene, Fene do PP quédase nun espectáculo” ironiza Piñeiro. Despois dunha xuntanza coa Anpa e dirección do centro están intentando poñelo en marcha. Engade Piñeiro que no Ramo pasou outro tanto coas ventás, polo que conclúe que a "Xunta descoidou o traballo de ter os colexios preparados para o inicio do curso".

Fene está rematando o plan municipal de acondicionamento dos camiños. É o caso do de Marraxón e O Picoto, que conecta Sillobre con Neda, obras adxudicadas á empresa Mantiñán e hijos construcciones. Empezaron tamén as obras do firme de Santa Ana e rúa Travesa, adxudicados a Canarga. A punto de empezar están as obras de reurbanización dos bloques 2 e 5 de San Valentín con reforzo na avenida da Cooperación. A concelleira responsable de obras e servizos referiuse tamén a outros plans municipais como a recuperación de fontes e lavadoiros; actuacións en locais veciñais de propiedade municipal; a limpeza de ríos para evitar os anegamentos ou a mellora da recollida do lixo, unha vez que o concello se fixo cun novo camión para  este servizo. “Fene agarda a visita da organización do proxecto Vilas en flor que contribuirá á mellora das zonas verdes do pobo”.

Preguntamos a Piñeiro pola avenida do concello e o seu deterioro evidente. “Non podemos quedarnos en reparar o firme superficial e listo” responde a concelleira, convencida de que a actuación debe ser máis ambiciosa porque esta avenida é a entrada na zona urbana de Fene para os pelegríns que discorren polo camiño inglés. O obxectivo é facer dese tramo un lugar atractivo para parar, pensando na hostalaría e no comercio ubicados nel así como aplicar o compromiso do concello de Fene coa accesibilidade. Piñeiro agarda polos novos orzamentos para executar as obras necesarias o ano que ven.

Sobre os POS (Plans de obras e servizos da Deputación) Piñeiro felicita ao funcionariado pola axilidade nos trámites xa que todas as obras pendentes están en fase de contratación, asegurando que “a primeiros de outubro teremos moitas obras iniciándose”.

 

(Na imaxe, Mar Piñeiro con Ana Basoa, edís socialistas no goberno municipal)

Institucional

Publica o teu comentario agora