ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Os orzamentos para o ano 2009 do Concello de Vilalba, que ascenderán a 10.480.000 euros, foron aprobados gracias aos votos favorables do Partido Popular nun debate estéril. As posicións estancadas de todas as forzas políticas lastraron un pleno e
Xosé Teixeiro Pérez, que substituíu a Elba Veleiro como voceiro do PSdeG-PSOE (Veleiro aludiu motivos persoais para ceder a representación do grupo), abriu a quenda de intervencións facendo referencias ao continuísmo dos números presentados polo grupo de goberno, e reflectindo as súas dúbidas sobre a política de austeridade promovida desde o PPdeG vilalbés. O incremento do soldo do alcalde, tenente de alcalde e o concelleiro de obras motivou unha das primeiras denuncias de Teixeiro, que considerou que a suba dun 5%, correspondente ao IPC do mes de Xullo, podería facerse en relación ao 1% de decembro, co “que se axustaría máis ao plan de austeridade que se promociona desde o Concello”.
Os gastos de persoal, que ascenderán a 3.254.000 euros, foron outro dos peros amosados desde as filas socialistas, ao consideralos non acordes co “aforro prometido”. O problema da débeda do Concello foi outro dos puntos principais da tarde. Xosé Teixeiro referiuse, irónicamente, aos case cinco millóns de euros da mesma coa consideración de que “tampouco é para tanto”, e cifrou en 589 € diarios a cuota de interese que o Concello ten que pagar aos bancos.
As obras de acondicionamento da praia fluvial, que serán de 238.000 €, por exceso, e as obras en camiños veciñais, por defecto, foron outros dos puntos tocados polo membro do PSOE vilalbés, que reflectiu que “o Fondo de Investimento Local do Goberno non era tan escaso como dicían os do PP”.
Neste punto coincidiu o posicionamento do representante do BNG, Xosé Manuel Irimia, que, en vista da inversión en obras dos orzamentos, considerou que o Fondo de Investimento Local “non era unha esmola, tal e como se dicía”, e instou aos populares a recoñecer que os case 3 millóns de euros do Fondo “foron unha axuda importante que permitirá trampear moitas cousas”. A intervención do voceiro nacionalista valorou o aumento dos orzamentos, de 329.000 euros con respecto aos do 2008, como “escaso”, ademaís de criticar a excesiva carga financieira (uns 760.000 €) e os cartos por amortizar do Concello.
Para Irimia, a caída das inversións reais desde os 1.328.000 euros do ano pasado aos 12.780.000 de este son un “problema”, igual que as diferenzas entre o asignado a Deportes (819.000) e a Cultura (644.000), porque “estas partidas deberían estar máis equilibradas", pois “a Cultura debe ter a mesma condición que o Deporte”, neste senso tamén botou en falta unha axuda ao Instituto de Estudios Chairegos (IESCHA).
Outro dos motivos de Irimia para rexeitar os orzamentos foron os 8.000 euros en gastos protocolarios que, pese a estar rebaixados con respecto a 2008, teñen unha importante contía adicada á irmandade coa localidade madrileña de Collado Villalba. Irimia afirmou “non saber cáles son os beneficios de este irmanamento”, e considera que este asunto obedece máis a “un asunto de cuchipanda”, que “a algo verdadeiramente importante para Vilalba”.
A intervención do grupo de goberno centrouse en defender o presuposto, que foi considerado como bo “dentro do que se pode facer”, porque, en verbas de Agustín Baamonde, voceiro do PPdeG en Vilalba, “son uns orzamentos insuficientes para as necesidades de Vilalba”. Tras cualificar as partidas como “razoables”, Baamonde valorou positivamente o gasto en persoal, 3.254.000 €, xa que “as variacións foron moi pequenas con respecto ao ano pasado”. Fronte ás críticas polos aumentos de soldo, o representante popular esgrimiu que se axustaron “aos convenios existentes e que se pactaron no comezo da lexislatura”. En canto aos servizos, o voceiro popular defendeu os 4.443.000 euros de orzamento, porque “existen gastos importantes xa que ofrecemos un nivel moi amplo de prestacións”.
Sobre a débeda, Baamonde considerou o debate como “recorrente” e afirmou que “non lles preocupa nin moito, nin pouco”, sobre todo mentres se faga unha xestión “con responsabilidade”. Nunha segunda quenda de palabra, o actual parlamentario no Parlamento de Galicia, defendeu a contía da débeda porque é “o motor do Concello, xa que é unha fonte de investimento real, que permite crear infraestruturas de todo tipo”, e cifrou o aumento da súa contía, porque “nos últimos anos a Xunta se esqueceu de Vilalba”.
Antes da celebración do pleno dos orzamentos tivo lugar o sorteo do persoal que integrará as mesas electorais de Vilalba para o vindeiro 1 de marzo. Un programa informático foi o encargado de compoñer as mesas nas diferentes parroquias vilalbesas.