Un renovado Ourense busca a sorpresa en Esteiro

Un renovado Ourense busca a sorpresa en Esteiro

06 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Un renovado Pabellón Ourense visita mañá sábado o pavillón de Esteiro para visitar ao Universitario Ferrol. As ourensanas xa deron varias sorpresas no último mes polo que as xogadoras de Chiqui Barros saltarán á cancha con todas as precaucións. Unha victoria é precisa para continuar aspirando aos postos de promoción nesta Liga Femenina 2 de baloncesto.

Aínda que botando unha mirada á clasificación podería parecer un encontro sinxelo, a realidade é ben distinta; a visita do Pabellón Ourense tomouna moi en serio o plantel e corpo técnico do Uni. No equipo ourensan, bastantes novidades respecto da primeira volta na que as ferrolanas gañaron a domicilio (43-62). O equipo da cidade das Burgas gañou 2 dos tres últimos encontros (a Alcobendas e Conquero) tras chegar á xornada 18 con tan só unha vitoria. A norteamericana Jennifer Harris (16 puntos e 5 rebotes p.p.) sustituiu a Savannah Werner; é nova tamén a letona Ieva Kulite (que reemplaza á eslovaca Barbara Fabianova), e tamén Laura Gil (10 puntos) que xunto á belga Denisa Hazuchova (outros 10 p.p.p.), a grega Effrosyni Vlachou e a portuguesa Debora Abreu (7 puntos, 6 rebotes) compoñen o equipo máis multicultural da categoría, o que constitúe un serio obstáculo para conseguir que xoguen "xuntas", é dicir formar equipo. Xunto a elas a moza canterana Barbara Lamelo e Nerea Moreno repártense os minutos en xogo nun equipo que loita por saír dos postos de abaixo pero que pode ser "arbitro" nas disputas dos equipos da parte alta da táboa. As ferrolanas adestráronse con normalidade ao longo da semana. Non hai incidencias e Chiqui Barros poderá contar coa totalidade do persoal (sen o apoio das máis novas que xogan case á mesma hora en Porriño). O equipo foi crecendo en calidade e en cohesión, traballando cada vez máis como grupo e facendo da defensa unha dos seus acenos de identidade. Ao contrario que outros equipos do grupo, o Universitario foi de menos a máis e está chegando a este último terzo da Liga nunhas excelentes condicións. O Uni vai afrontar de forma sucesiva tres encontros que lle poden aupar aos 4 primeiros postos que dan opción a xogar o play-off de ascenso: esta semana o Pabellón Ourense, a seguinte o Ensino en Lugo e dentro de quince días o colista, Aros de León, aquí en Ferrol. As ferrolanas fan un chamamento a todos os afeccionados para que veñan a arroupalas na primeira destas tres finais que van a encadenar. Non se fían do Pabellón e van saír moi concentradas e concienciadas de que se trata dun encontro difícil no que necesitan que Esteiro estea a lume de biqueira. Os colexiados Raúl Alonso de Cantabria e Francisco Rastrollo de Estremadura serán os encargados de dirixir o encontro, mañá sábado, no Pabellón de Esteiro, a partir das sete da tarde.

NOTAS.- Os abonados do club terán DOUS POR UN no partido (Poderán traer invitado un@ ou dous amig@s segundo o tipo de abono). Por outra banda os socios ou abonados dos clubs ferrolanos de categoría nacional (Racing, O Parrulo, Ferrol C.B., Valdetires e Recimil) terán unha entrada bonificada co 50% de desconto (DOUS EUROS)

*
O partido será retransmitido en directo por internet a través de UNI TV (a través da web www.universitariodeferrol.com). Tamén pode seguirse estadísticamente en directo a través da web da Federación Española de Baloncesto (www.feb.é pinchando en baloncesto en vivo)

Deportes