Un soño cumprido

Un soño cumprido
20 de Agosto, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Anne Lanevschi deixou Canadá por Galicia para cumprir un soño. As vacacións no Val do Ulla desta filla de galega deixaron unha gran pegada nesta veterinaria que agora conta cunha importante plantación de arandos na súa Finca A Condesa.

Anne Lanevschi mantivo sempre un vínculo moi especial co Val do Ulla. Por iso elixiu esta finca familiar para plantar. A idoneidade desta terra para os arandos animou a esta emprendedora canadense a producir este delicioso froito de bosque xunto as pereiras e maceiras xa existentes no lugar. O clima, a estrutura e a acidez do chan axudan á creación dun produto natural, de fácil consumo e con un alto valor nutritivo. Na Finca A Condesa medran un total de quince variedades diferentes. Todas elas tratadas con fertilizantes ecolóxicos. Ademais, tomando como referencia os costumes do seu país, esta produtora filla de galega, implantou na súa finca o sistema U-pick. Vir e coller. Unha experiencia que achega á xente á natureza, a como é realmente o traballo do produtor. “Permite estar ao aire libre en contacto directo coas plantas, saborear os arandos no lugar no que nacen, recollelos no seu punto co sabor óptimo e levalos por un prezo máis económico que o da tenda”, explica Anne Lanevschi dende a súa plantación na Estrada.

 

Na imaxe, Anne Lanevschi (Finca A Condesa) e Henrique Sanfiz (Radiofusión)

Sociedade

Publica o teu comentario agora