Un verán de acampada

Un verán de acampada
09 de Xuño, 2026 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

Aproveitar as vacacións escolares para vivir uns días na Natureza, practicando distintas actividades e convivindo con rapazada doutros lugares. O Concello de Fene é un dos que colabora na iniciativa que dirixe a Escola de Tempo Libre Néboa. A alcaldesa Sandra Permui e  Sergio Loureiro, Lou, da asociación Néboa, falaron en Radio Fene das Acampadas Intermunicipais de Vilarbó.

ESCOITA O PODCAST:

Créanse recordos e amizades para toda a vida, explica Lou. El mesmo participou nas acampadas antes de coordinar esta programación de verán. A alcaldesa anunciou a colaboración do Concello de Fene coas  XXXVIII Acampadas Intermunicipais Vilarbó 2026, que ofrecen actividades educativas, deportivas e de lecer en contacto coa natureza durante o verán. Do 3 ao 13 de xullo ofrécese o campamento Multiaventura, dirixido a adolescentes de entre 12 e 17 anos. Neste caso, o programa inclúe actividades deportivas e de aventura como xogos acuáticos, canoa e remo, travesías, splatmaster, paintball, tiro con arco, carabina, orientación,

xincanas, xogos populares e voleibol. Ademais, tamén se desenvolverán actividades relacionadas coa vida en acampada, como estadías no río, artesanía, cociña ou tarefas de conservación e limpeza do espazo. Outra opción é o campamento Robinsón, destinado a crianzas de entre 7 e 11 anos, que terá lugar do 23 ao 30 de xullo. Neste caso, as actividades estarán centradas na creatividade, a convivencia e o descubrimento da natureza, con obradoiros de artesanía, debuxo e medio ambiente, sendeirismo, xogos acuáticos, canoa e remo, xincanas e xogos populares.

As acampadas desenvolveranse no Lugar de Vilarbó, ao remate do encoro da Ribeira, ás beiras do río Eume, nun contorno natural especialmente axeitado para este tipo de actividades. As persoas interesadas poden obter máis información e facer as inscricións poden comunicarse coa organización a través do correo electrónico escola@neboa.org, da páxina web neboa.org ou no teléfono 669 111 183.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora