Un xogo entre cabaleiros

Un xogo entre cabaleiros
07 de Abril, 2021 - 02:00 h. | Publicada por Radio Fene

A discriminación histórica da muller no fútbol hoxe en Vilanova con José Barcia.

ESCOITA O PODCAST:

Unha futbolista coruñesa, Irene González, abriu as portas do fútbol ás mulleres nos anos 20. Fundou o seu propio equipo e chegou a cobrar por xogar a este deporte “de homes”. Morreu moi nova de tuberculose pero deixou unha fonda pegada por xogar e destacar entre os homes. Con este exemplo extraordinario empezou o psicólogo e graduado en Ciencias do Deporte, José Barcia, a súa intervención en Vilanova para falar da histórica discriminación da muller no deporte e particularmente no fútbol que empezou sendo un xogo entre cabaleiros entre os homes ingleses de clase alta. “As mulleres non tiñan cabida máis que como acompañantes” afirma Barcia.

Se atendemos a evolución histórica do deporte, sempre houbo discriminación por sexo, pero tamén por clase social, raza e outros. Non axudou a regulamentación creada pola famosa Federación inglesa de fútbol, tampouco a clase médica nin os rigores dos estamentos relixiosos á incorpo-ración do “sexo débil”. “O deporte é un reflexo da sociedade e por iso aínda existe discriminación” a pesar de que Barcia recoñece unha evolución favorable á integración e profesionalización das mulleres no fútbol, aínda que non se pode equiparar ao masculino. Cita como último exemplo o suposto insulto racista dun xogador do Cádiz a outro do Valencia que provocou un tumulto na liga española.

E deixanos o positivo exemplo do estadio santiagués bautizado co nome dunha deportista muller e en activo “Vero Boquete”.

Deportes

Publica o teu comentario agora