Unha aventura no Amazonas

Unha aventura no Amazonas
14 de Outubro, 2021 - 12:40 h. | Publicada por Radio Fene

“Husu sae da súa vida coñecida, do seu poboado soa, sen ter ningunha pista do que vai atopar. Eu quería darlle a esta novela un final esperanzador pero ao mesmo tempo realista” indica Andrea Maceiras, autora da novela “A folla azul”. A historia xa estaba escrita antes da pandemia, pero o coronavirus abre novas lecturas. “A personalidade da avoa de Husu, Arumi,  parécese moito á miña avoa porque foi unha referencia importante na miña vida, un piar de valores. Tiven a sorte de ter unhas avoas moi valentes” apunta a escritora. 

ESCOITA O PODCAST:
Fotografía Xan Xe

Andrea Maceiras explicounos as consideracións previas coas que inicia a escritura dun libro como “A folla azul”, quere suscitar unha reflexión crítica, non un adoctrinamento.  A esperanza está na infancia, na adolescencia, na súa lucidez, no cambio de valores e de pensamentos. “Confío máis nos nenos e nas nenas que na ONU”. Maceiras falounos da noción, do sentido da existencia de moitas das tribos da Amazonas. A humanidade non sabe dar marcha atrás ata que ten a realidade moi diante dos ollos. A percepción da escritora é que algo así aconteceu coa pandemia do coronavirus, que agudizou os seus efectos pola contaminación. Só un 10% do planeta segue a ser un lugar salvaxe, non tocado pola man humana. Husu Aké, é membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verde, da Amazonia. Maceiras propón en “A folla azul” realizar unha viaxe ata o Amazonas.

 

Fotografía: Xan Xe Corral

Cultura

Publica o teu comentario agora