Unha casa indiana e modernista

Unha casa indiana e modernista

11 de Xuño, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O avogado Victor Borrás construiu a Casa da Florista en Maniños en 1887. En 1950 foi adquirida por Emilia a Florista. A edificación é unha casa indiana pero se encadra dentro do modernismo. Ten como elemento máis destacado da fachada a galeria asi como a proliferación en todos os frentes de grandes ventanais. A entrada do edificio é de grande maxestuosidade.

Queda plasmada a máxima do modernismo: funcionalidade sen renunciar á grandiosidade. Os grandes ventanais buscan a luminosidade do interior. Na fachada a galería convertese no elemento estructural e decorativo que da unidade ao conxunto. No remate superior do edificio vemos tamén unha cornixa rematada con ornamentos xeométricos, unha especie de bordado. Os frontóns neoclásicos sobre as ventás ou as columnas estriadas que sosteñen a balconada, reforzan o aire de grandeza. Canto aos materiais, contrasta a madeira e o ferro, elemento innovador na construción do momento. No interior a ornamentación de teitos e paredes lembra o estilo pompeián,  a base de columnas rematadas en capiteis xónicos, casetóns e frisos corridos, cunha especie de metopas clásicas. A escaleira, qeu non deixa de ser sinxela, convertese na protagonista e no eixo estructural do edificio. En 2016 reformouse o seu interior para acoller unha clínica dental.

Sociedade