Unha catedral nunha pequena vila

Unha catedral nunha pequena vila
23 de Outubro, 2021 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A igrexa de Santiago de Pontedeume parece unha catedral metida nun pequeno pobo. Na capela maior conta cun retablo impresionante que nos fala da familia dos Andrade e dun momento histórico importante. Un retablo renacentista moi importante e con táboas hispano-flamencas,  colocado no templo en 1530 que está a ser restaurado. A tradición popular dicía que o conde Fernando de Andrade o trouxera de Italia. Unha autentica xoia para a restauradora e historiadora do arte Milagros Martinez. Ter unha arquitectura renacentista cunha tipoloxía moi clara é moi importante. Entre 1750 e 1763 o arcebispo Raxoi construíu a igrexa de Santiago de Pontedeume, aínda que conservou a capela maior dun templo anterior. 

ESCOITA O PODCAST:
O incendio de Pontedeume en 1607 afectou ao retablo da igrexa de Santiago

O investigador Carlos de Castro realizou unha recompilación moi exhaustiva de documentos e información relativa ao retablo. Na actualidade o catedrático da Universidade de Santiago Juan Monterroso realiza un estudo estilístico que vai completar ese traballo. O retablo moi posiblemente foi patrocinado por Fernando de Andrade. Co seu mecenazgo, construíuse en 1530. Inclúe seis táboas hispano flamencas, de madeiras de castiñeiro, co ciclo da Paixón de Xesús, unha Anunciación e un San Miguel. Hai tamén lenzos posteriores incorporados noutros momentos históricos. A Xunta de Galicia adxudicou a restauración en maio de 2021 e a empresa Techne acomete o traballo baixo a dirección de Milagros Martínez Mellado. Proceden á limpeza, desparasitación, eliminación de repintes, reintegración cromática, consolidación de soportes e protección. 

Cultura

Publica o teu comentario agora