Unha compañía francesa representa en Ribadavia “As crónicas do Sochantre”

Unha compañía francesa representa en Ribadavia “As crónicas do Sochantre”

21 de Xullo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

No marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), Les Anachroniques demostrará que a literatura galega traspasa fronteiras e esperta o interese de creadores estranxeiros. Esta compañía francesa amosará por vez primeira no Estado a súa versión de As crónicas do Sochantre. Representarán o clásico de Álvaro Cunqueiro o día 27, a partir das nove da noite, no Auditorio do Castelo.

Na súa vixésimo oitava edición, a MIT reforza o seu carácter internacional e aposta por amosar ao público propostas novas, xa que máis dun 80% das obras son estrea. O programa da mostra inclúe espectáculos de Portugal, Francia, Cuba, Italia, Bélxica, Arxentina e México, sen esquecer a calidade escénica feita en Galicia.

Con A puerta cerrada -posta en escena do texto de Jean Paul Sartre a cargo dunha coprodución de artistas das prestixiosas compañías Timbre 4 (Arxentina) e Théâtre du Soleil (Francia)- botou andar o festival. A peza xira arredor da morte, unha temática que tamén aparece en boa parte dos 25 espectáculos que conforman o cartel deste evento que se estenderá ata o 28 de xullo.  

Cultura