Unha das voces máis interesantes da novela negra galega

Unha das voces máis interesantes da novela negra galega
22 de Xullo, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

Unha das voces máis innovadoras, interesantes e solventes da novela negra galega. Recomendación de Antonio Tizón. O cervo e a sombra. Diego Ameixeiras.

ESCOITA O PODCAST:

Antonio Tizón recomenda "O cervo e a sombra" de Diego Ameixeiras:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/220724TIZON.mp3

Fotografia Xan Xe

Falaba no programa anterior da desgraza que supuxo para a novela negra galega o falecemento de Domingo Villar, o noso principal referente nese tipo de literatura. Toca falar hoxe doutro auténtico referente, Diego Ameixeiras, de quen seleccionamos a súa última obra, O cervo e a sombra, tamén  premiada como outras deste autor, esta vez na súa tradución ao castelán co X Premio Pata Negra – Domingo Villar, un galardón denominado así dende 2023 como homenaxe ao escritor galego falecido o ano anterior e que concede o Congreso de Novela e Cine Negro da Universidade de Salamanca á mellor novela negra editada en España. Selecciono esta obra porque penso que nela se condensa á perfección o máis puro estilo Ameixeiras, a súa propia voz. Unha voz propia comprometida cos problemas sociais da Galicia contemporánea, entre os que destacan a corrupción política, a violencia institucional, os abusos do sistema, os escándalos bancarios, a adición ás drogas, o desemprego xuvenil e a reintegración social. Unha voz propia cuxo centro está nos criminais, nos marxinados, e o punto de vista tamén é o deles, non o dos detectives, o da lei ou o da orde establecida. Unha voz esta, a de Ameixeiras, inconfundíbel, a medio camiño entre o cine, o xornalismo e a poesía, caracterizada pola elipse, a economía narrativa, as frases breves, secas, cortantes, definitivas, palabras directas á conmoción, como golpes no estómago ou na cara. Unha das voces, en definitiva, máis innovadoras, interesantes e solventes da novela negra galega. 

Antonio Tizón
 

Cultura

Publica o teu comentario agora