Unha ducia de eventos na programación de primavera do Museo de Bellas Artes de A Coruña

Unha ducia de eventos na programación de primavera do Museo de Bellas Artes de A Coruña

27 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O Museo de Belas Artes da Coruña abre este venres a súa programación de primavera, que contará con seis talleres, dous cursos, dous ciclos e dúas actividades conmemorativas dirixidas a todos os públicos entre os meses de abril e xuño de 2011. A través da web do Museo, xa se pode acceder á matrícula para os doce eventos entre os que destacan obradoiros de gravado, cursos de arte, concertos, cine e actividades para familias.

A carpeta-libro de artista será o obradoiro que dea inicio á programación de primavera do Museo de Belas Artes. Nel iniciarase aos participantes na elaboración dunha carpeta-libro de artista. O taller, que se celebrará os venres ata o 27 de maio, será impartido pola artista Isabel Pintado, pintora, gravadora e licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Todos os sábados, desde o 30 de abril ata o 28 de maio, desenvolverase o taller A cor na algrafía, un obradoiro de gravado dedicado á técnica da litografía sobre prancha de aluminio ou algrafía e que será impartido por Omar Kessel, pintor e gravador da Fundación CIEC de Betanzos. Para os martes entre o 24 de maio e o 14 de xuño prográmase o obradoiro Letras iluminadas impartido por Ángeles Galán e Ana Camiñas e no que usando o pergamiño como soporte, e ouro fino e temple, o alumno coñecerá a técnica da iluminación. 

Arte en familia é un taller que chegará ao Museo de Belas Artes da Coruña os sábados entre o 7 de maio e o 25 de xuño. Imaxes, lecturas e pequenas actividades conformarán a dinámica deste obradoiro dunha soa sesión e destinado a familias con nenos a partir de 5 anos. Nel, os participantes interpretarán imaxes artísticas, estimularán a creatividade e gozarán coa arte, utilizando como recurso a obra de Velázquez e a de Luís Seoane, en días alternos. Cada obradoiro remata cunha sinxela actividade plástica. A partir do vindeiro 3 de xuño poderase participar todos os venres ata o 1 de xullo no taller Iniciación á xilografía, obradoiro de introdución ao gravado xilográfico impartido polo artista Ali Ali, pintor e gravador da Fundación CIEC. Os sábados desde o 4 de xuño ao 2 de xullo, impartirase o obradoiro Da estampa á serie, no que se empregarán diferentes técnicas de estampación e que será impartido pola artista Anne Heyvaert, pintora e gravadora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e Fundación CIEC de Betanzos. Todos estes obradoiros estarán organizados polo Museo de Belas Artes en colaboración coa Asociación de Amigos do Museo e o Concello da Coruña.

Cursos e outras actividades

O curso A historia da arte a través dos museos, que terá lugar do 3 de maio ao 5 de xullo, aproximará aos asistentes á historia da arte desde a Antigüidade ata a actualidade, utilizando como exemplos algunhas das obras pertencentes ás coleccións dos máis importantes museos e facendo especial fincapé na colección permanente do Museo de Belas Artes. A primeira parte do curso estará dividida en dúas seccións, ‘Antigüidade e Idade Media’, nos meses de maio e xuño, e ‘Renacemento, Barroco e Clasicismo’, entre xuño e xullo. Este primeiro ciclo intégrase na programación de primavera do Museo. No segundo ciclo, que se desenvolverá no outono cunha nova inscrición, os contidos serán ‘Romanticismo, Realismo e rexionalismo’ e ‘O século XX’.

Por outra banda, o curso Os temas da arte: A iconografía relixiosa versará sobre a Historia da Arte, aínda que analizada a partir das distintas temáticas empregadas ao longo da historia. A pesar de que a temática relixiosa na arte se remonta a culturas ancestrais anteriores á Era Cristiá, este curso centrarase principalmente na iconografía relixiosa cristiá, abordando a representación dos distintos temas relixiosos a partir do Antigo e Novo Testamento e seguindo as tendencias da arte de cada momento. Para iso aludirase tanto á tradición greco-romana como ás fontes iconográficas, á súa simboloxía, á función de devoción, ornamental ou didáctica da imaxe, e ao modo de representar cada historia por parte dos artistas nas distintas épocas. O curso, que terá lugar os mércores do 4 de maio ao 29 de xuño, está organizado polo Museo de Belas Artes en colaboración coa Asociación de Amigos do Museo e a Deputación da Coruña. 

Entroutras actividades tamén destacan o IX Ciclo de cine Arte no celuloide. Biografías de artistas que ten como obxectivo definir as diversas formas nas que están presentes as artes, tanto as plásticas como a arquitectura e a música, no cine, xa sexa como referente iconográfico, como apoio e base para o argumento, como marco da acción ou aparecendo fisicamente no encadre. O ciclo celebrarase do 11 ao 25 de maio. Cómpre destacar tamén o XI Ciclo Música para unha época, do 8 ao 29 de maio, que combina a música dunha determinada época coa visita guiada á sala do museo relativa ao mesmo período histórico, co fin de establecer un paralelismo entre a música e a pintura; o Día Internacional dos Museos, o vindeiro 18 de maio de 2011; ou a A noite dos museos. Jazz no museo, que se celebrará o próximo 14 de maio.

Cultura