Unha excursión para achegarnos aos vestixios funerarios de Marraxón

Unha excursión para achegarnos aos vestixios funerarios de Marraxón

17 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A organización ecoloxista Adega convídanos a participar esta fin de semana nun percorrido pola mámoas e túmulos de Marraxón. A actividade conta coa colaboración da AAVV de Sillobre e a Mancomunidade de Montes Veciñais.

 Localizadas no cumio do monte que lles da nome, as Mámoas de Marraxón son esculturas líticas cunha antigüidade próxima aos sete mil anos e que no seu día se empregaron coma túmulos funerarios. Na actualidade consérvanse un total de 19, de distintas medidas, e a máis grande localízase no punto máis alto do monte, coñecido coma o Coto do Rei.    

Neste escenario desenvolverase mañá o percorrido organizado por Adega para coñecer e aprender a valorar este conxunto de grande importancia arqueolóxica, que constitúe o cemiterio máis antigo do Concello de Fene.

A excursión comezará o sábado, ás catro e media do serán, na Igrexa parroquial de Sillobre. Ao fronte estarán dous grandes coñecedores da zona, ademais de afeccionados ao mundo da arqueoloxía, como son Carlos Domínguez e Xan Martínez, e o vocal social de ADEGA, Xesús Oca.

Dende a organización ecoloxista recomendan ás persoas interesadas en participar levar roupa cómoda e resistente (especialmente botas de montaña) para camiñar polo monte.

Sociedade